Skip to main content

Iniciativas con pegada social

O éxito do proxecto Edison depende en boa medida da implicación da sociedade e do tecido empresarial nesta iniciativa. FOTO: Pixabay
O éxito do proxecto Edison depende en boa medida da implicación da sociedade e do tecido empresarial nesta iniciativa. FOTO: Pixabay
A Aula TIC Pemes da USC busca mecenas do proxecto Edison para favorecer a inserción laboral e a inclusión social de persoas con discapacidade física
Lugo

A Aula TIC Pemes (ATP) da USC busca mecenas do proxecto Edison para desenvolver e ampliar na medida do posible o número de usuarios que tomen parte nesta iniciativa, a través da que se pretende a inclusión e a inserción laboral de persoas que presentan algún tipo de discapacidade física.

O proxecto Edison, concibido coa vocación de achegar a un colectivo de persoas en risco de exclusión social a opcións de emprego de maior calidade, ofrece un amplo programa de formación teórica e práctica, tralo que as persoas usuarias poderán completar estadías profesionais en empresas e entidades públicas.

O conxunto de beneficiarios desta iniciativa formativa e de inclusión social obterán un certificado universitario oficial acreditativo dos coñecementos empresariais adquiridos e das habilidades sociais desenvolvidas durante o período de formación teóricas, cuxas sesións presenciais terán lugar nas instalacións da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo.

 

Cartel do proxecto
Cartel do proxecto

O éxito do proxecto Edison depende en boa medida da implicación da sociedade e do tecido empresarial nesta iniciativa. Daquela, a Aula TIC Pemes da USC anima a colaborar con esta proposta de marcada pegada social a través do programa de micromecenado posto en marcha pola USC coa pretensión de captar fondos e recursos económicos que contribúan á promoción e ao desenvolvemento de proxectos de alto impacto social.

A Aula TIC Pemes informa neste senso que as persoas que opten por facer achegas económicas ao proxecto Edison a través do programa de micromecenado habilitado pola USC poderán beneficiarse das correspondentes vantaxes fiscais.

The contents of this page were updated on 01.16.2020.