Iniciativas con pegada social
A Aula TIC Pemes (ATP) da USC busca mecenas do proxecto Edison para desenvolver e ampliar na medida do posible o número de usuarios que tomen parte nesta iniciativa, a través da que se pretende a inclusión e a inserción laboral de persoas que presentan algún tipo de discapacidade física.
O proxecto Edison, concibido coa vocación de achegar a un colectivo de persoas en risco de exclusión social a opcións de emprego de maior calidade, ofrece un amplo programa de formación teórica e práctica, tralo que as persoas usuarias poderán completar estadías profesionais en empresas e entidades públicas.
O conxunto de beneficiarios desta iniciativa formativa e de inclusión social obterán un certificado universitario oficial acreditativo dos coñecementos empresariais adquiridos e das habilidades sociais desenvolvidas durante o período de formación teóricas, cuxas sesións presenciais terán lugar nas instalacións da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo.
O éxito do proxecto Edison depende en boa medida da implicación da sociedade e do tecido empresarial nesta iniciativa. Daquela, a Aula TIC Pemes da USC anima a colaborar con esta proposta de marcada pegada social a través do programa de micromecenado posto en marcha pola USC coa pretensión de captar fondos e recursos económicos que contribúan á promoción e ao desenvolvemento de proxectos de alto impacto social.
A Aula TIC Pemes informa neste senso que as persoas que opten por facer achegas económicas ao proxecto Edison a través do programa de micromecenado habilitado pola USC poderán beneficiarse das correspondentes vantaxes fiscais.