Skip to main content

Iniciativa a prol da igualdade e dos dereitos da muller

Sede institucional da Valedoría do Pobo de Galicia
Sede institucional da Valedoría do Pobo de Galicia
Os premios Valedora do Pobo, convocados xunto coa USC, UDC e UVigo, recoñecen con 1.000 euros os mellores TFG e TFM presentados nas universidades galegas sobre igualdade e dereitos da muller
Lugo, Santiago de Compostela

A USC convoca xunto coas outras universidades galegas e o alto comisionado do Parlamento de Galicia a primeira edición dos premios Valedora do Pobo aos mellores traballos fin de grao (TFG) e traballos fin de máster (TFM) en materia de igualdade e dereitos das mulleres. O certame, dotado con 1.000 euros de premio e diploma acreditativo para cada unha das candidaturas gañadoras, está aberto a traballos orixinais lidos, defendidos e ou xulgados ante un tribunal de calquera universidade galega durante os cursos académicos 2016-2020. As propostas deben posuír un elevado valor científico académico en materia de igualdade e dereitos das mulleres, segundo se recolle na resolución da convocatoria que vén de ser publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG).

O prazo de presentación de candidaturas permanecerá aberto ata o 15 de outubro de 2020 nos rexistros das entidades convocantes, así como en calquera outro rexistro oficial sempre que se notifique en tempo en forma á Valedora do Pobo a través do enderezo electrónico rexistro [at] valedordopobo.gal (rexistro[at]valedordopobo[dot]gal), segundo se recolle nas bases deste certame

As solicitudes axustaranse ao modelo de instancia que figura como anexo I da convocatoria e deben incluír, ademais do traballo en cuestión en soporte papel ou electrónico, unha síntese descritiva de máis de cinco páxinas nas que se recollan as consideracións do autor/a, a certificación académica do título do traballo, no que se especifique título, director/a, cualificación e, de ser o caso, data e lugar de lectura e composición do tribunal encargado da súa avaliación.

Os traballos presentados a concurso non poden ter sido premiados en ningún concurso ou convocatoria anterior, nin tampouco poden estar publicados, agás no repositorio institucional da universidade correspondente, antes de facerse público a resolución do xurado dos premios Valedora do Pobo, un fallo que se publicará no DOG nun prazo máximo de seis meses logo da finalización do período de presentación de candidaturas.

The contents of this page were updated on 03.27.2020.