Iniciativa a prol da igualdade e dos dereitos da muller
A USC convoca xunto coas outras universidades galegas e o alto comisionado do Parlamento de Galicia a primeira edición dos premios Valedora do Pobo aos mellores traballos fin de grao (TFG) e traballos fin de máster (TFM) en materia de igualdade e dereitos das mulleres. O certame, dotado con 1.000 euros de premio e diploma acreditativo para cada unha das candidaturas gañadoras, está aberto a traballos orixinais lidos, defendidos e ou xulgados ante un tribunal de calquera universidade galega durante os cursos académicos 2016-2020. As propostas deben posuír un elevado valor científico académico en materia de igualdade e dereitos das mulleres, segundo se recolle na resolución da convocatoria que vén de ser publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG).
O prazo de presentación de candidaturas permanecerá aberto ata o 15 de outubro de 2020 nos rexistros das entidades convocantes, así como en calquera outro rexistro oficial sempre que se notifique en tempo en forma á Valedora do Pobo a través do enderezo electrónico rexistro [at] valedordopobo.gal (rexistro[at]valedordopobo[dot]gal), segundo se recolle nas bases deste certame
As solicitudes axustaranse ao modelo de instancia que figura como anexo I da convocatoria e deben incluír, ademais do traballo en cuestión en soporte papel ou electrónico, unha síntese descritiva de máis de cinco páxinas nas que se recollan as consideracións do autor/a, a certificación académica do título do traballo, no que se especifique título, director/a, cualificación e, de ser o caso, data e lugar de lectura e composición do tribunal encargado da súa avaliación.
Os traballos presentados a concurso non poden ter sido premiados en ningún concurso ou convocatoria anterior, nin tampouco poden estar publicados, agás no repositorio institucional da universidade correspondente, antes de facerse público a resolución do xurado dos premios Valedora do Pobo, un fallo que se publicará no DOG nun prazo máximo de seis meses logo da finalización do período de presentación de candidaturas.