Skip to main content

Situm, Mellor Solución de Cidade Intelixente para os SESA Awards

Un usuario consulta no móbil aplicacións de Situm. Foto: Santi Alvite
Un usuario consulta no móbil aplicacións de Situm. Foto: Santi Alvite
A startup galega que naceu como unha spin off da USC competirá coas mellores candidaturas das distintas rexións do mundo nos GSA Awards, cuxo gañador se anunciará en decembro en China
Santiago de Compostela

A startup galega Situm, nada como unha spin off da USC e dedicada ao deseño e desenvolvemento de sistemas de localización en interiores, vén de gañar os SESA Awards na categoría de Mellor Solución de Cidade Intelixente. O galardón acadado por Situm na última edición do concurso de startups que representa a rexión do Sur de Europa distingue a firma galega polo seu crecemento, innovación e impacto na mobilidade das cidades.

Os SESA Awards constitúen un certame integrado nos premios da Alianza Global de Semicondutores (GSA Awards), considerados como a maior competición independente de ecosistemas para startups do mundo e cuxa misión pasa por descubrir, recoñecer e conectar os visionarios da era dixital.

A singularidade da tecnoloxía de posicionamento en interiores con alta precisión empregada por Situm, con mínima infraestrutura e despregue inmediato, así como a versatilidade das súas solucións de guiado, seguimento e monitorización foron algunhas das características máis valoradas polo xurado á hora de recoñecer a startup galega como Mellor Solución de Cidade Intelixente.

A tecnoloxía de posicionamento en interiores de Situm xa foi empregada por milleiros de desarrolladores e empresas de todo o mundo para despregar solucións de guiado e seguimento en máis de 6.000 edificios de diferentes verticais, tales como seguridade, saúde, transporte, viaxes, comercio ou eventos.

O éxito acadado por Situm na fase rexional do Sur de Europa permite a esta spin off nada no Centro de Investigacións e Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da USC, competir coas mellores candidaturas das diferentes rexións de todo o mundo polos GSA Awards, cuxo gañador se dará a coñecer a mediados do mes de decembro no marco dunha cerimonia final que se celebra´ra en Chagnsha (China).

A competición mundial dos GSA Awards está estruturada en diferentes fases: nacional, rexional e mundial. En cada unha delas, as candidaturas gañadoras resultan seleccionadas a través dun proceso de votación aberto ao público en xeral e por un xurado formado por membros con amplos coñecementos e experiencia no ecosistemas de startups. Daquela, logo de milleiros de nominacións e decenas de miles de votos, os SESA Awards  recoñecen as solucións máis influentes de cada unha das rexións.

The contents of this page were updated on 04.17.2020.