Situm, Mellor Solución de Cidade Intelixente para os SESA Awards
A startup galega Situm, nada como unha spin off da USC e dedicada ao deseño e desenvolvemento de sistemas de localización en interiores, vén de gañar os SESA Awards na categoría de Mellor Solución de Cidade Intelixente. O galardón acadado por Situm na última edición do concurso de startups que representa a rexión do Sur de Europa distingue a firma galega polo seu crecemento, innovación e impacto na mobilidade das cidades.
Os SESA Awards constitúen un certame integrado nos premios da Alianza Global de Semicondutores (GSA Awards), considerados como a maior competición independente de ecosistemas para startups do mundo e cuxa misión pasa por descubrir, recoñecer e conectar os visionarios da era dixital.
A singularidade da tecnoloxía de posicionamento en interiores con alta precisión empregada por Situm, con mínima infraestrutura e despregue inmediato, así como a versatilidade das súas solucións de guiado, seguimento e monitorización foron algunhas das características máis valoradas polo xurado á hora de recoñecer a startup galega como Mellor Solución de Cidade Intelixente.
A tecnoloxía de posicionamento en interiores de Situm xa foi empregada por milleiros de desarrolladores e empresas de todo o mundo para despregar solucións de guiado e seguimento en máis de 6.000 edificios de diferentes verticais, tales como seguridade, saúde, transporte, viaxes, comercio ou eventos.
O éxito acadado por Situm na fase rexional do Sur de Europa permite a esta spin off nada no Centro de Investigacións e Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da USC, competir coas mellores candidaturas das diferentes rexións de todo o mundo polos GSA Awards, cuxo gañador se dará a coñecer a mediados do mes de decembro no marco dunha cerimonia final que se celebra´ra en Chagnsha (China).
A competición mundial dos GSA Awards está estruturada en diferentes fases: nacional, rexional e mundial. En cada unha delas, as candidaturas gañadoras resultan seleccionadas a través dun proceso de votación aberto ao público en xeral e por un xurado formado por membros con amplos coñecementos e experiencia no ecosistemas de startups. Daquela, logo de milleiros de nominacións e decenas de miles de votos, os SESA Awards recoñecen as solucións máis influentes de cada unha das rexións.