Skip to main content

A cultura, pasaporte para volver ás orixes

Simón Rodríguez, no adarve da muralla romana de Lugo. Foto: Daniela Blanco
Simón Rodríguez, no adarve da muralla romana de Lugo. Foto: Daniela Blanco
O Máster en Servizos Culturais da Facultade de Humanidades da USC acha en Hispanoamérica un filón de titulados universitarios con ascendencia galega que solicitan as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) da Xunta de Galicia para cursar estudos de posgrao no SUG
Lugo

A pegada da cultura é fonda e perdura, transcende as xeracións e o seu espírito, manifestado xa a través das diversas expresións artísticas xa por sentimentos de identidade ou pertenza, supera os lindes territoriais, ademais doutras fronteiras invisibles que depara a emigración. Un exemplo desta realidade é o que se está a constatar no Máster en Servizos Culturais da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da USC, un posgrao que nas últimas edicións está a descubrir la comunidade hispanoamericana un filón de graduados e graduadas universitarias con ascendencia galega que concorren ás Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) da Xunta de Galicia co  obxectivo de acadar financiamento para ampliar a súa formación e cumprir os seus soños académicos no Sistema Universitario Galego (SUG).

A acollida que está rexistrar o Máster en Servizos Culturais da USC entre os galegos da diáspora latinoamericana é espectacular, segundo comenta a profesora Carme Silva Domínguez, que dirixe e coordina un posgrao da USC que no presente curso 2019-20 formalizou a matrícula de media ducia de estudantes -a cuarta parte do seu alumnado-, beneficiarios de bolsas BEME. Venezuela e Brasil son os antigos destinos da emigración galega máis representados na última promoción do posgrao impartido na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo, un programa ao que tamén se incorporou outra luguesa retornada de Londres cunha Bolsa Excelencia Mocidade Exterior.

Perfís diversos con aspiración de liberdade

O carácter transversal que implica a propia diversidade cultural propicia que o alumnado deste posgrao da USC responda a unha multiplicidade de perfís. Aínda así, no caso dos beneficiarios de bolsas Beme, cómpre salientar que, alén da súa procedencia e das súas experiencias vitais e persoais, todos ollan o Máster en Servizos Culturais como unha oportunidade cara un futuro máis próspero en liberdade e sen os medos da violencia.

O testemuño manifestado pola brasileira Vivian Moldes Expedito, ou como ela prefire definirse, “unha galega nada en Río de Janeiro que vive en Brasil porque aínda non conseguiu atopar traballo en Galicia, pero que non soporta a violencia social do país suramericano”, dá conta da existencia de anhelos compartidos entre os bolseiros BEME que están a ampliar a súa formación de posgrao no Campus de Lugo. Este sentimento tamén é compartido polo venezolano Simón Rodríguez Landaeta, licenciado en Letras pola Universidade Católica Andrés Bello de Caracas, quen se inclúe entre “a maioría da mocidade venezolana que ve na emigración a única opción viable para acadar unha calidade de vida decente”.

Estes dous descendentes de emigrantes pontevedreses non reparan en eloxios cara a Administración galega por ofrecerlles a oportunidade para recalar na terra dos seus ancestros a través dunha bolsa de estudos que cubre gastos de manutención, ademais do pago da matrícula dun máster universitario. Alén deste agradecemento, Vivian, de 38 anos, e Simón, de 25, comparten tamén o desexo de construír o seu futuro fóra dos países que os viron nacer.
 
“O meu futuro é moi incerto, pero so sei que desexo quedarme en Galicia”, afirma Simón, para logo engadir que “aínda que barallo a posibilidade de desprazarme a Madrid na procura de traballo no ámbito da xestión cultural, o feito de estudar en Lugo constituíu unha experiencia marabillosa”. “Namoreime completamente desta cidade, da súa historia, do seu patrimonio arquitectónico, da súa paz e do seu sorprendentemente activo ambiente cultural. Nunca pensei que nunha cidade tan cativa e descoñecida se fixeran tantas cousas”, recoñece.

Do mesmo xeito que Simón, para quen “o Máster en Servizos Culturais estivo á altura das expectativas que tiña depositadas na USC”, Vivian, quen xa goza da súa terceira estadía en Galicia logo de ter participado como voluntaria nun campo de traballo nas Illas Cíes e mesmo despois de homologar pola Universidade de Vigo os estudos de Belas Artes realizados en Brasil, ten moi claro que “o meu obxectivo é quedarme a vivir en Galicia”.

En plena fase de elaboración do seu Traballo Fin de Máster, un proxecto no que trata de mudar o concepto actual de turismo rural, centrado no aloxamento, cara a preservación e difusión do patrimonio rural, ademais de para potenciar o consumo de produtos locais, a fin de mellorar as rendas das comunidades rurais, Vivian Moldes ten como plan de futuro “desenvolver o proxecto no que investiga na granxa familiar que rexenta a miña parella na comarca do Salnés”.

Vivian Moldes, diante da Facultade de Humanidades da USC
Vivian Moldes, diante da Facultade de Humanidades da USC
The contents of this page were updated on 05.12.2020.