A USC participa un ano máis na Semana do Libro de Compostela

Canda outras quince editoras, librarías e institucións da cidade, a USC participa unha vez máis na cuarta edición da Semana do Libro de Compostela, SELIC 2020, que vai ter lugar entre o 10 e o 18 de outubro próximos. A SELIC celebrouse por vez primeira en 2017, na praza da Quintana, co obxectivo de reunir nun deseño expositivo aberto e diferente ao das tradicionais feiras do libro, as editoras, tanto privadas como institucionais, librarías e bibliotecas, que veñen a representar unha significativa mostra do puxante sector do libro de Santiago.
Este ano, por mor das circunstancias impostas pola pandemia, a SELIC terá lugar en dous espazos expositivos cubertos, provistos de todas as medidas de seguridade: o Espazo Fundación Abanca, na rúa do Vilar, e o comedor do Colexio de Fonseca (acceso polo xardín). Esta é unha iniciativa organizada pola Concellaría de Acción Cultural compostelá.
A Universidade, a través da súa editora, o Servizo de Publicacións, terá o seu stand en Fonseca e achegará preto de corenta novidades editoriais de diversas coleccións e temáticas. O director de Publicacións, Juan L. Blanco Valdés, salienta o agradecemento á organización da SELIC, que, dende a súa primeira edición, tivo claro que “a representación da produción editorial da Universidade era imprescindible no evento e puxo todas as facilidades para a nosa participación”. O feito, ademais, de que este ano un dos foros expositivos da feira sexa un espazo tan simbólico como o Colexio de Fonseca representa “unha importante mostra máis do espírito de cooperación entre senlleiras institucións da cidade na procura de mutuos beneficios”, engade Blanco Valdés.