Ir o contido principal

A USC participa un ano máis na Semana do Libro de Compostela

Espazo expositor da USC na SELIC 2020
Espazo expositor da USC na SELIC 2020
Selic conta cun deseño expositivo aberto e diferente ao das tradicionais feiras do libro, para reunir as editoras, librarías e bibliotecas, que veñen a representar unha significativa mostra do puxante sector do libro de Santiago
Santiago de Compostela

Canda outras quince editoras, librarías e institucións da cidade, a USC participa unha vez máis na cuarta edición da Semana do Libro de Compostela, SELIC 2020, que vai ter lugar entre o 10 e o 18 de outubro próximos. A SELIC celebrouse por vez primeira en 2017, na praza da Quintana, co obxectivo de reunir nun deseño expositivo aberto e diferente ao das tradicionais feiras do libro, as editoras, tanto privadas como institucionais, librarías e bibliotecas, que veñen a representar unha significativa mostra do puxante sector do libro de Santiago.

Este ano, por mor das circunstancias impostas pola pandemia, a SELIC terá lugar en dous espazos expositivos cubertos, provistos de todas as medidas de seguridade: o Espazo Fundación Abanca, na rúa do Vilar, e o comedor do Colexio de Fonseca (acceso polo xardín). Esta é unha iniciativa organizada pola Concellaría de Acción Cultural compostelá.

A Universidade, a través da súa editora, o Servizo de Publicacións, terá o seu stand en Fonseca e achegará preto de corenta novidades editoriais de diversas coleccións e temáticas. O director de Publicacións, Juan L. Blanco Valdés, salienta o agradecemento á organización da SELIC, que, dende a súa primeira edición, tivo claro que “a representación da produción editorial da Universidade era imprescindible no evento e puxo todas as facilidades para a nosa participación”. O feito, ademais, de que este ano un dos foros expositivos da feira sexa un espazo tan simbólico como o Colexio de Fonseca representa “unha importante mostra máis do espírito de cooperación entre senlleiras institucións da cidade na procura de mutuos beneficios”, engade Blanco Valdés.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.02.2023.