Skip to main content

Veterinaria premia o uso do galego entre o alumnado

Diplomas dos gañadores da última convocatorio dos premios da Comisión de Normalización Lingüística de Veterinaria
Diplomas dos gañadores da última convocatorio dos premios da Comisión de Normalización Lingüística de Veterinaria
Dous traballos académicos presentados por Óscar Iglesias e Bárbara Uceira e os TFG defendidos por María Coego e Laura Limés gañan a terceira edición dos certames ‘Escolle en galego’ e ‘O teu traballo ten premio’, dotados con máis de 500 euros
Lugo

A Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC, a través da súa Comisión de Normalización Lingüística, incentiva con premios o uso do galego entre o seu alumnado a través dos certames ‘Escolle en galego’ e ‘O teu traballo ten premio’, que teñen unha dotación económica conxunta de máis de 500 euros e cuxos gañadores da terceira edición veñen de facerse públicos.

O xurado encargado de resolver o certame ‘Escolle en galego’, unha iniciativa coa que se busca animar ao alumnado a empregar o galego na elaboración dos seus traballos académicos, ademais de promover que cada vez máis profesorado se incorpore a este programa, acordou gratificar con 100 euros a candidatura presentada por Óscar Iglesias Resúa baixo o título ‘Memoria de prácticas externas no Hospital Veterinario Ramiro Tubío’. O traballo ‘Memoria de estancias clínicas: Centro Ecuestre Marco das Pías’, presentado por Bárbara Uceira Cillero, acadou os segundo premio, dotado con 75 euros, dunha convocatoria que distingue os traballos en galego con mellor calidade lingüística e formal e que previamente xa superaran a avaliación académica.

A edición 2019-20 do certame ‘O teu traballo ten premio’, creado co fin de mellorar a capacidade do alumnado para elaborar documentación técnica en lingua galega nos seus Traballos Finais de Grao (TFG), resolveu outorgar o primeiro galardón, dotado con 250 euros, a María Coego Montoto, polo TFG titulado ‘Alternativas para a criopreservación dos embrións bovinos producidos in vitro’. A tamén alumna de Veterinaria Laura Limés García acadou os 125 euros do segundo galardón polo TFG ‘Semellanzas e diferenzas entre o Pénfigo felino e humano’.

The contents of this page were updated on 11.30.2020.