Veterinaria premia o uso do galego entre o alumnado
A Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC, a través da súa Comisión de Normalización Lingüística, incentiva con premios o uso do galego entre o seu alumnado a través dos certames ‘Escolle en galego’ e ‘O teu traballo ten premio’, que teñen unha dotación económica conxunta de máis de 500 euros e cuxos gañadores da terceira edición veñen de facerse públicos.
O xurado encargado de resolver o certame ‘Escolle en galego’, unha iniciativa coa que se busca animar ao alumnado a empregar o galego na elaboración dos seus traballos académicos, ademais de promover que cada vez máis profesorado se incorpore a este programa, acordou gratificar con 100 euros a candidatura presentada por Óscar Iglesias Resúa baixo o título ‘Memoria de prácticas externas no Hospital Veterinario Ramiro Tubío’. O traballo ‘Memoria de estancias clínicas: Centro Ecuestre Marco das Pías’, presentado por Bárbara Uceira Cillero, acadou os segundo premio, dotado con 75 euros, dunha convocatoria que distingue os traballos en galego con mellor calidade lingüística e formal e que previamente xa superaran a avaliación académica.
A edición 2019-20 do certame ‘O teu traballo ten premio’, creado co fin de mellorar a capacidade do alumnado para elaborar documentación técnica en lingua galega nos seus Traballos Finais de Grao (TFG), resolveu outorgar o primeiro galardón, dotado con 250 euros, a María Coego Montoto, polo TFG titulado ‘Alternativas para a criopreservación dos embrións bovinos producidos in vitro’. A tamén alumna de Veterinaria Laura Limés García acadou os 125 euros do segundo galardón polo TFG ‘Semellanzas e diferenzas entre o Pénfigo felino e humano’.