Skip to main content

Máis de 700 persoas toman parte no MOOC ‘O camiño de Santiago, patrimonio da Humanidade para un mundo Global’

Os módulos están integrados por clases teóricas, que xa foron gravadas en diferentes localizacións de Galicia, e dunha serie de actividades que cada profesor propoñerá na súa parte. FOTO: Santi Alvite
Os módulos están integrados por clases teóricas, que xa foron gravadas en diferentes localizacións de Galicia, e dunha serie de actividades que cada profesor propoñerá na súa parte. FOTO: Santi Alvite
O primeiro dos tres cursos masivos, abertos e en liña que impulsa a Cátedra do Camiño e das Peregrinacións e cuxa inscrición permanece aberta, botou a andar esta semana constituíndo un achegamento aos valores da ruta xacobea, abordando aspectos históricos, patrimoniais, literarios e económicos
Santiago de Compostela

O primeiro dos tres cursos en modalidade MOOC que acaba de impulsar a Cátedra do Camiño e das Peregrinacións e que botou a andar esta mesma semana, acaba de superar a barreira das 700 persoas inscritas. Baixo o título ‘O camiño de Santiago, patrimonio da Humanidade para un mundo Global’, este curso aberto, masivo e en liña, ao que pode accederse a través da plataforma MIRIDIAX e no que aínda é posible inscribirse, constitúe un achegamento aos valores do Camiño, abordando aspectos históricos, patrimoniais, literarios e económicos.

Esta Cátedra institucional, froito da colaboración entre a USC e Turismo de Galicia, está a ser pioneira ao abrir a porta a unha serie de MOOCs cos que a Universidade pretende que este tipo de formación teña continuidade no tempo, alén de ampliarse a outras áreas de coñecemento. Neste senso, o segundo  MOOC, O Camiño de Santiago, enfoques didácticos multidisciplinares, afondará na ruta xacobea como ferramenta pedagóxica en aspectos tan diferentes como a arte, a Xeografía e a Paisaxe, a Socioloxía e o Turismo, ou a Música. Por último, o curso titulado O Camiño de Santiago nas redes sociais profundará na relación entre a cultura e as plataformas sociais, e nas enormes posibilidades de divulgación que ofrecen as mesmas.

Cada un destes cursos consta de catro módulos, e cada un deles, á súa vez, estará impartido por un especialista, sendo a maioría profesores da USC. Os módulos están integrados por clases teóricas, que xa foron gravadas en diferentes localizacións de Galicia, e dunha serie de actividades que cada profesor propoñerá na súa parte. Tal e como explicou o profesor Miguel Taín Guzmán, director da Cátedra, no acto de presentación dos MOOCs, “facilitar a reflexión e o debate cultural e académico no ámbito do Camiño de Santiago, co fin de conseguir o seu mutuo enriquecemento intelectual e a mellora da súa formación cultural e universitaria” é unha das metas que persegue esta Cátedra institucional da USC.

The contents of this page were updated on 03.24.2021.