Máis de 700 persoas toman parte no MOOC ‘O camiño de Santiago, patrimonio da Humanidade para un mundo Global’

O primeiro dos tres cursos en modalidade MOOC que acaba de impulsar a Cátedra do Camiño e das Peregrinacións e que botou a andar esta mesma semana, acaba de superar a barreira das 700 persoas inscritas. Baixo o título ‘O camiño de Santiago, patrimonio da Humanidade para un mundo Global’, este curso aberto, masivo e en liña, ao que pode accederse a través da plataforma MIRIDIAX e no que aínda é posible inscribirse, constitúe un achegamento aos valores do Camiño, abordando aspectos históricos, patrimoniais, literarios e económicos.
Esta Cátedra institucional, froito da colaboración entre a USC e Turismo de Galicia, está a ser pioneira ao abrir a porta a unha serie de MOOCs cos que a Universidade pretende que este tipo de formación teña continuidade no tempo, alén de ampliarse a outras áreas de coñecemento. Neste senso, o segundo MOOC, O Camiño de Santiago, enfoques didácticos multidisciplinares, afondará na ruta xacobea como ferramenta pedagóxica en aspectos tan diferentes como a arte, a Xeografía e a Paisaxe, a Socioloxía e o Turismo, ou a Música. Por último, o curso titulado O Camiño de Santiago nas redes sociais profundará na relación entre a cultura e as plataformas sociais, e nas enormes posibilidades de divulgación que ofrecen as mesmas.
Cada un destes cursos consta de catro módulos, e cada un deles, á súa vez, estará impartido por un especialista, sendo a maioría profesores da USC. Os módulos están integrados por clases teóricas, que xa foron gravadas en diferentes localizacións de Galicia, e dunha serie de actividades que cada profesor propoñerá na súa parte. Tal e como explicou o profesor Miguel Taín Guzmán, director da Cátedra, no acto de presentación dos MOOCs, “facilitar a reflexión e o debate cultural e académico no ámbito do Camiño de Santiago, co fin de conseguir o seu mutuo enriquecemento intelectual e a mellora da súa formación cultural e universitaria” é unha das metas que persegue esta Cátedra institucional da USC.