Skip to main content

A campaña ‘Mobilízate contra a COVID-19!’ logra recoller preto de 1.000 kits hixiénicos para persoas en risco de exclusión

O Programa de Voluntariado fronte á COVID-19 naceu para favorecer a maior e continuada sensibilización da comunidade universitaria e promover o cumprimento de medidas de hixiene e comportamentos sociais axeitados contra a pandemia. FOTO: Santi Alvite
O Programa de Voluntariado fronte á COVID-19 naceu para favorecer a maior e continuada sensibilización da comunidade universitaria e promover o cumprimento de medidas de hixiene e comportamentos sociais axeitados contra a pandemia. FOTO: Santi Alvite
As persoas usuarias do Centro Social Juan XXIII de Santiago de Compostela e do Comedor San Froilán de Lugo serán as beneficiarias desta iniciativa impulsada ao abeiro do Programa de Voluntariado fronte á pandemia que desenvolve a USC e que busca promover actuacións que favorezan o cumprimento dos protocolos sanitarios
Lugo, Santiago de Compostela

A campaña de recollida de material hixiénico ‘Mobilízate contra a COVID-19!’  logrou facerse con preto de 1.000 bolsas con peche tipo zip, integradas por tres máscaras e un pequeno bote de xel sanitizante, dirixidas a fornecer a persoas en risco de exclusión. Nomeadamente, no marco desta iniciativa impulsada polo Programa de Voluntariado fronte á pandemia que desenvolve o alumnado da USC e que busca promover actuacións que favorezan o cumprimento dos protocolos sanitarios, recolléronse algo máis de 700 kits hixiénicos en Santiago de Compostela e máis de 200 no Campus de Lugo. O material xa foi entregado no Centro Social Juan XXIII da cidade compostelá e no Comedor San Froilán da capital lucense. A esta cantidade hai que sumar os 200 kits de idénticas características que xa foran entregados no Centro Social Juan XXIII a finais do ano pasado.

“Os kits foron repartidos entre os usuarios dos servizos para favorecer que persoas en risco de exclusión e con poucos recursos podan levar adiante as normas hixiénicas durante o día a día. As persoas en situación de rúa son os maiores usuarios de instalacións e recursos de tipo comunitario. Previr un posible contaxio masivo entre eles redunda non só no mantemento da súa saúde senón na de toda a sociedade”, apuntan dende o Servizo de Participación e Integración Universitaria (SEPIU) da USC. “A campaña de recollida, logo dunha experiencia piloto a finais de 2020, continuou tratando de implicar a máis colectivos da comunidade universitaria, para permitir que as persoas en risco de exclusión podan desenvolver correctamente conductas hixiénicas”, engaden.

Iniciativa pioneira

O Programa de Voluntariado fronte á COVID-19 naceu para favorecer a maior e continuada sensibilización da comunidade universitaria e promover o cumprimento de medidas de hixiene e comportamentos sociais axeitados contra a pandemia. “Trátase de promover a participación do alumnado de todas as facultades e escolas, así como das residencias e colexios maiores, nun proxecto integral que implique unha máis intensa formación e sensibilización”, apuntan dende o SEPIU. Esta campaña de entrega de kits hixiénicos conforma un paso máis na intención da USC de velar polo adecuado cumprimento das medidas para paliar os efectos da pandemia.

The contents of this page were updated on 03.31.2021.