A campaña ‘Mobilízate contra a COVID-19!’ logra recoller preto de 1.000 kits hixiénicos para persoas en risco de exclusión

A campaña de recollida de material hixiénico ‘Mobilízate contra a COVID-19!’ logrou facerse con preto de 1.000 bolsas con peche tipo zip, integradas por tres máscaras e un pequeno bote de xel sanitizante, dirixidas a fornecer a persoas en risco de exclusión. Nomeadamente, no marco desta iniciativa impulsada polo Programa de Voluntariado fronte á pandemia que desenvolve o alumnado da USC e que busca promover actuacións que favorezan o cumprimento dos protocolos sanitarios, recolléronse algo máis de 700 kits hixiénicos en Santiago de Compostela e máis de 200 no Campus de Lugo. O material xa foi entregado no Centro Social Juan XXIII da cidade compostelá e no Comedor San Froilán da capital lucense. A esta cantidade hai que sumar os 200 kits de idénticas características que xa foran entregados no Centro Social Juan XXIII a finais do ano pasado.
“Os kits foron repartidos entre os usuarios dos servizos para favorecer que persoas en risco de exclusión e con poucos recursos podan levar adiante as normas hixiénicas durante o día a día. As persoas en situación de rúa son os maiores usuarios de instalacións e recursos de tipo comunitario. Previr un posible contaxio masivo entre eles redunda non só no mantemento da súa saúde senón na de toda a sociedade”, apuntan dende o Servizo de Participación e Integración Universitaria (SEPIU) da USC. “A campaña de recollida, logo dunha experiencia piloto a finais de 2020, continuou tratando de implicar a máis colectivos da comunidade universitaria, para permitir que as persoas en risco de exclusión podan desenvolver correctamente conductas hixiénicas”, engaden.
Iniciativa pioneira
O Programa de Voluntariado fronte á COVID-19 naceu para favorecer a maior e continuada sensibilización da comunidade universitaria e promover o cumprimento de medidas de hixiene e comportamentos sociais axeitados contra a pandemia. “Trátase de promover a participación do alumnado de todas as facultades e escolas, así como das residencias e colexios maiores, nun proxecto integral que implique unha máis intensa formación e sensibilización”, apuntan dende o SEPIU. Esta campaña de entrega de kits hixiénicos conforma un paso máis na intención da USC de velar polo adecuado cumprimento das medidas para paliar os efectos da pandemia.