Skip to main content

Veterinaria detecta en carrachas de elefantes africanos hemoparasitos de interese zoonótico

Parasitos estudadados na investigación, sobre unha imaxe de elefantes africanos
Parasitos estudadados na investigación, sobre unha imaxe de elefantes africanos
Edward Mutethia King’ori, do Servizo de Fauna de Kenia, analiza as principais infeccións parasitarias que afectan ás poboacións de elefantes en África nunha tese doutoral co dirixida pola catedrática de Sanidade Animal da USC Patrocinio Morrondo
Lugo

As enfermidades de etioloxía parasitaria e infecciosa están a acentuar o declive das poboacións de elefantes no corazón de África, segundo se desprende da tese de doutoramento que vén de presentar na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC o investigador do Servizo de Fauna de Kenia Edward Muteathia King’ori baixo o título ‘Patróns de infeccións parasitarias nas poboacións de elefantes de Kenia’, un traballo que permitiu detectar en carrachas de elefantes africanos hemoparasitos de interese zoonótico.

A investigación de doutoramento desenvolvida por King’ori baixo a dirección da catedrática da área de Sanidade Animal da USC na Facultade de Veterinaria Patrocinio Morrondo; do profesor de Investigación da Estación Biolóxica de Doñana (CSIC), Ramón Soriguer Escofet, e do investigador da Universidade de Zurich, Samer Angelone, é resultado do traballo de colaboración que mantén desde hai anos o Grupo de Investigación en Sanidade Animal de Galicia (Invesaga) da USC, coordinado polo catedrático Pablo Díez Baños, co Servizo de Fauna de Kenia (Kenya Wildlife Service).

O estudo realizado en Kenia sobre a relación entre elefante-carracha-patóxeno é pioneiro a nivel mundial e constitúe unha ferramenta que proporciona un punto de referencia para outros países do continente nos que o elefante africano (Loxodonta africana), o mamífero terrestre máis grande do mundo e unha especie emblemática en África, tamén afronta múltiples desafíos para garantir a súa conservación. Cómpre lembrar que tanto as áreas de distribución desta especie como as súas poboacións diminuíron nas últimas décadas debido a diversas causas antropoxénicas. Ademais, o elefante africano figura na lista de especies ameazadas, en  parte polos efectos do furtivismo, que diezmou as súas poboacións e reduciu o número de exemplares.

Análises de mostras

Nas súas pescudas, King’ori analizou analizou mostras fecais, sanguíneas, así como as carrachas e os patóxenos que agochan en elefantes procedentes de catro parques nacionais de Kenia (Maasai Mara, Tsavo East, Laikipia-Samburu e Amboseli). Ademais,  tamén tivo en conta a estrutura social dos elefantes, a fin de determinar se estes vivían en grupos familiares (femias coas súas crías) ou machos solitarios.

Unha vez rematado este traballo de campo e logo da análise dos datos recadados, a investigación permitiu determinar patróns de infección por helmintos, a filoxeografía e a estrutura xenética da carracha Amblyomma tholloni. Asemade, tamén se indentificaron a nivel molecular diversas especies de hemoparasitos (Ehrlichia, Anaplasma, Babesia e Theileria) tanto nos elefantes como nas carrachas.

As conclusións da investigación apuntan que a prevalencia de trematodos varía coa zona de procedencia dos elefantes, pero non cos grupos sociais (familias de elefantes ou machos solitarios). Pola contra, a prevalencia dos nematodos é semellante ao considerar a zona e os grupos sociais. Respecto da diversidade xenética de A. tholloni, que é a principal carracha que parasita os elefantes en Kenia. A tese de doutoramento elaborada por King’ori ao abeiro do programa de doutoramento en Medicina e Sanidade Veterinaria da USC, constata tamén que son os factores agroecolóxicos os que máis inflúen na súa distribución, mentres que o movemento do gando conforma a estrutura xenética desta carracha. King’ori sostén asemade que é probable que o uso extensivo de acaricidas en Kenia estea a impulsar a selección das carrachas.

Tribunal de tese e cualificación

O tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por King’ori estivo presidido polo catedrático da Universidade de Córdoba Ignacio García-Bocanegra. O catedrático de Parasitoloxía da Universidade de Trás-Os Montes e Alto Douro, Luís Cardoso e a profesora da área de Sanidade Animal da USC Rosario Panadero Fontán completaron a composición dun tribunal que acordou por unanimidade cualificar esta tese de doutoramento de sobresaínte cum laude.

 

De esquerda a dereita e de arriba a abaixo, King'ori; Samer, Angelone e Morrondo
De esquerda a dereita e de arriba a abaixo, King'ori; Samer, Angelone e Morrondo
The contents of this page were updated on 05.21.2021.