Veterinaria detecta en carrachas de elefantes africanos hemoparasitos de interese zoonótico
As enfermidades de etioloxía parasitaria e infecciosa están a acentuar o declive das poboacións de elefantes no corazón de África, segundo se desprende da tese de doutoramento que vén de presentar na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC o investigador do Servizo de Fauna de Kenia Edward Muteathia King’ori baixo o título ‘Patróns de infeccións parasitarias nas poboacións de elefantes de Kenia’, un traballo que permitiu detectar en carrachas de elefantes africanos hemoparasitos de interese zoonótico.
A investigación de doutoramento desenvolvida por King’ori baixo a dirección da catedrática da área de Sanidade Animal da USC na Facultade de Veterinaria Patrocinio Morrondo; do profesor de Investigación da Estación Biolóxica de Doñana (CSIC), Ramón Soriguer Escofet, e do investigador da Universidade de Zurich, Samer Angelone, é resultado do traballo de colaboración que mantén desde hai anos o Grupo de Investigación en Sanidade Animal de Galicia (Invesaga) da USC, coordinado polo catedrático Pablo Díez Baños, co Servizo de Fauna de Kenia (Kenya Wildlife Service).
O estudo realizado en Kenia sobre a relación entre elefante-carracha-patóxeno é pioneiro a nivel mundial e constitúe unha ferramenta que proporciona un punto de referencia para outros países do continente nos que o elefante africano (Loxodonta africana), o mamífero terrestre máis grande do mundo e unha especie emblemática en África, tamén afronta múltiples desafíos para garantir a súa conservación. Cómpre lembrar que tanto as áreas de distribución desta especie como as súas poboacións diminuíron nas últimas décadas debido a diversas causas antropoxénicas. Ademais, o elefante africano figura na lista de especies ameazadas, en parte polos efectos do furtivismo, que diezmou as súas poboacións e reduciu o número de exemplares.
Análises de mostras
Nas súas pescudas, King’ori analizou analizou mostras fecais, sanguíneas, así como as carrachas e os patóxenos que agochan en elefantes procedentes de catro parques nacionais de Kenia (Maasai Mara, Tsavo East, Laikipia-Samburu e Amboseli). Ademais, tamén tivo en conta a estrutura social dos elefantes, a fin de determinar se estes vivían en grupos familiares (femias coas súas crías) ou machos solitarios.
Unha vez rematado este traballo de campo e logo da análise dos datos recadados, a investigación permitiu determinar patróns de infección por helmintos, a filoxeografía e a estrutura xenética da carracha Amblyomma tholloni. Asemade, tamén se indentificaron a nivel molecular diversas especies de hemoparasitos (Ehrlichia, Anaplasma, Babesia e Theileria) tanto nos elefantes como nas carrachas.
As conclusións da investigación apuntan que a prevalencia de trematodos varía coa zona de procedencia dos elefantes, pero non cos grupos sociais (familias de elefantes ou machos solitarios). Pola contra, a prevalencia dos nematodos é semellante ao considerar a zona e os grupos sociais. Respecto da diversidade xenética de A. tholloni, que é a principal carracha que parasita os elefantes en Kenia. A tese de doutoramento elaborada por King’ori ao abeiro do programa de doutoramento en Medicina e Sanidade Veterinaria da USC, constata tamén que son os factores agroecolóxicos os que máis inflúen na súa distribución, mentres que o movemento do gando conforma a estrutura xenética desta carracha. King’ori sostén asemade que é probable que o uso extensivo de acaricidas en Kenia estea a impulsar a selección das carrachas.
Tribunal de tese e cualificación
O tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por King’ori estivo presidido polo catedrático da Universidade de Córdoba Ignacio García-Bocanegra. O catedrático de Parasitoloxía da Universidade de Trás-Os Montes e Alto Douro, Luís Cardoso e a profesora da área de Sanidade Animal da USC Rosario Panadero Fontán completaron a composición dun tribunal que acordou por unanimidade cualificar esta tese de doutoramento de sobresaínte cum laude.