Skip to main content

Bota a andar a Cátedra de Neurorradioloxía Intervencionista

De esquerda a dereita, o director da Cátedra, Manuel Pumar; o reitor Antonio López; e Gumersindo Feijoo, vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, o director da Cátedra, Manuel Pumar; o reitor Antonio López; e Gumersindo Feijoo, vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade. FOTO: Santi Alvite
Promovida pola USC xunto a Balt Spain, aborda esta área de coñecemento que se dedica ao tratamento minimamente invasivo, a través dun cateterismo, das enfermidades vasculares cerebrais
Santiago de Compostela

A nova cátedra institucional en materia de Neurorradioloxía, promovida pola USC xunto a Balt Spain, aborda esta área de coñecemento que se dedica ao tratamento minimamente invasivo, a través dun cateterismo, das enfermidades vasculares cerebrais. Pioneira en España e no mundo, a cátedra que se presentou este xoves no Colexio de Fonseca está dirixida polo  neurorradiólogo intervencionista Manuel Pumar.

Servir como plataforma para a divulgación da patoloxía vascular cerebral na sociedade así como para a formación de novos especialistas é unha das metas desta Cátedra. A través da creación de foros de expertos na materia, fomentarase a investigación e o desenvolvemento de novas técnicas que permitirán mellorar a calidade de vida dos pacientes. No acto de presentación, tomaron parte o reitor Antonio López, o propio director da cátedra, así como Fernando Viñuela, presidente do Comité Asesor.

Acto seguido, un coloquio moderado pola xornalista Victoria Prego afondou no ámbito de actuación da Cátedra a través da ollada de diversos especialistas. José Castillo,  neurólogo de prestixio internacional, director da Rede Vascular Nacional de Investigación; Pedro  Lillyc, presidente do Comité de Formación da Sociedade Iberoamericana; e Juan Miguel Macho, presidente da Sociedade Española de  Neurorradioloxía Intervencionista, foron os integrantes do coloquio.

Recuperar a vida cotiá

A neurorradioloxía intervencionista abarca unha serie de terapias minimamente invasivas cuxa historia empeza aproximadamente no ano 1991 e que agrupa o conxunto de actividades  diagnósticas e terapéuticas que se aplican en determinadas enfermidades que afectan o sistema nervioso. A través dunha punción na arteria femoral accédese á árbore vascular e, coa axuda de catéteres e guías, é posible introducirse nas arterias do cerebro onde se realizan diferentes tratamentos. Destacan a dilatación da  estenose arterial, a  embolización de  aneurismas cerebrais e a extracción de  trombos causantes do ictus. Son intervencións minimamente invasivas, o que permite que os pacientes se recuperen moi rápido e poidan retomar enseguida a súa vida cotiá.

O ictus é un accidente vascular agudo cerebral que se produce porque un  trombo tapona unha arteria cerebral. Pode ser  hemorráxico ou  isquémico. O 80% son procesos  isquémicos e o 20%,  hemorráxicos. Para tratalo, os  neurorradiólogos intervencionistas realizan unha  trombectomía mecánica que consiste en extraelo do corpo introducindo un dispositivo mediante un  cateterismo.

The contents of this page were updated on 05.28.2021.