Bota a andar a Cátedra de Neurorradioloxía Intervencionista
A nova cátedra institucional en materia de Neurorradioloxía, promovida pola USC xunto a Balt Spain, aborda esta área de coñecemento que se dedica ao tratamento minimamente invasivo, a través dun cateterismo, das enfermidades vasculares cerebrais. Pioneira en España e no mundo, a cátedra que se presentou este xoves no Colexio de Fonseca está dirixida polo neurorradiólogo intervencionista Manuel Pumar.
Servir como plataforma para a divulgación da patoloxía vascular cerebral na sociedade así como para a formación de novos especialistas é unha das metas desta Cátedra. A través da creación de foros de expertos na materia, fomentarase a investigación e o desenvolvemento de novas técnicas que permitirán mellorar a calidade de vida dos pacientes. No acto de presentación, tomaron parte o reitor Antonio López, o propio director da cátedra, así como Fernando Viñuela, presidente do Comité Asesor.
Acto seguido, un coloquio moderado pola xornalista Victoria Prego afondou no ámbito de actuación da Cátedra a través da ollada de diversos especialistas. José Castillo, neurólogo de prestixio internacional, director da Rede Vascular Nacional de Investigación; Pedro Lillyc, presidente do Comité de Formación da Sociedade Iberoamericana; e Juan Miguel Macho, presidente da Sociedade Española de Neurorradioloxía Intervencionista, foron os integrantes do coloquio.
Recuperar a vida cotiá
A neurorradioloxía intervencionista abarca unha serie de terapias minimamente invasivas cuxa historia empeza aproximadamente no ano 1991 e que agrupa o conxunto de actividades diagnósticas e terapéuticas que se aplican en determinadas enfermidades que afectan o sistema nervioso. A través dunha punción na arteria femoral accédese á árbore vascular e, coa axuda de catéteres e guías, é posible introducirse nas arterias do cerebro onde se realizan diferentes tratamentos. Destacan a dilatación da estenose arterial, a embolización de aneurismas cerebrais e a extracción de trombos causantes do ictus. Son intervencións minimamente invasivas, o que permite que os pacientes se recuperen moi rápido e poidan retomar enseguida a súa vida cotiá.
O ictus é un accidente vascular agudo cerebral que se produce porque un trombo tapona unha arteria cerebral. Pode ser hemorráxico ou isquémico. O 80% son procesos isquémicos e o 20%, hemorráxicos. Para tratalo, os neurorradiólogos intervencionistas realizan unha trombectomía mecánica que consiste en extraelo do corpo introducindo un dispositivo mediante un cateterismo.