Skip to main content

Tres ex parlamentarios galegos conversan sobre democracia este venres con alumnado de Formación do Profesorado

Facultade de Formación do Profesorado de Lugo
Facultade de Formación do Profesorado de Lugo
Manuela López Besteiro, Ismael Rego e Alberte Xullo Rodríguez Feixóo intervirán nesta sesión divulgativa sobre valores democráticos que comezará ás 11.45 horas

A Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo da USC acollerá este venres, a partir das 11.45 horas, na aula 29, unha das sesións programadas polo Parlamento de Galicia en colaboración coa Asociación de Ex Parlamentarios co obxectivo de espallar entre a xente moza os valores da democracia e tamén para favorecer o coñecemento do traballo que se desenvolve na institución representativa do Pobo Galego.

O coloquio programado no campus de Lugo ao abeiro desta iniciativa do Parlamento Galego contará coa participación de tres ex parlamentarios pola provincia de Lugo por tres formacións políticas diferentes, tal e como o son Manuela López Besteiro, Ismael Rego González e Alberte Xullo Rodríguez Feixóo.

O decano da Facultade de Formación do Profesorado, Francisco Rodríguez Lestegás, ser o encargado de abrir este foro, no que se agarda a participación de alumnado da materia de primeiro curso do Grao de Mestre en Educación Primaria Teoría e Historia da Educación Escolar, da que é responsable o profesor Francisco Xosé Candia.

A sesión, que comezará coa proxección dun documento audiovisual sobre o Parlamento de Galicia, rematará cunha quenda aberta de preguntas, durante o que o público asistente poderá interpelar a calquera dos tres relatores convidados.

The contents of this page were updated on 09.27.2018.