Mª José Sampedro Vizcaya, nova decana de Psicoloxía
A profesora Mª José Sampedro Vizcaya acaba de ser elixida decana da Facultade de Psicoloxía da USC, logo da votación celebrada na Xunta de Facultade o venres 29 e na que se rexistraron 42 votos a favor e catro en branco. Mª José Sampedro é profesora titular da Área de Psicoloxía Básica do Departamento de Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía. As súas principais liñas de investigación son os procesos Psicolóxicos básicos e a Psicoloxía do xénero.
Entre as súas prioridades para os vindeiros anos, Mª José Sampedro proponse fomentar sinerxías “entre todas as persoas que conforman o centro co obxectivo de fortalecer os eixos que o definen: a procura da calidade docente, a asunción da necesidade de abrirse á contorna social, o fomento da transparencia e a participación activa de todos/as na toma de decisións, e a promoción da cultura de igualdade en todos os ámbitos do seu funcionamento”, explicou. Acompañan a Mª José Sampedro no novo equipo de goberno as profesoras Dolores Ponte Fernández, Dolores Rodríguez Salgado e Olalla Cutrín Mosteiro.