Pasar al contenido principal

Mª José Sampedro Vizcaya, nova decana de Psicoloxía

Mª José Sampedro Vizcaya
Mª José Sampedro proponse fomentar sinerxías “entre todas as persoas que conforman o centro". FOTO: Santi Alvite
“A promoción da cultura de igualdade en todos os ámbitos” será un dos eixos do novo equipo de goberno do que tamén forman parte as profesoras Dolores Ponte Fernández, Dolores Rodríguez Salgado e Olalla Cutrín Mosteiro
Santiago de Compostela

A profesora Mª José Sampedro Vizcaya acaba de ser elixida decana da Facultade de Psicoloxía da USC, logo da votación celebrada na Xunta de Facultade o venres 29 e na que se rexistraron 42 votos a favor e catro en branco. Mª José Sampedro é profesora titular da Área de Psicoloxía Básica do Departamento de Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía. As súas principais liñas de investigación son os procesos Psicolóxicos básicos e a Psicoloxía do xénero.

Entre as súas prioridades para os vindeiros anos, Mª José Sampedro proponse fomentar sinerxías “entre todas as persoas que conforman o centro co obxectivo de fortalecer os eixos que o definen: a procura da calidade docente, a asunción da necesidade de abrirse á contorna social,  o fomento da transparencia e a participación activa de todos/as na toma de decisións, e a promoción da cultura de igualdade en todos os ámbitos do seu funcionamento”, explicou. Acompañan a Mª José Sampedro no novo equipo de goberno as profesoras Dolores Ponte Fernández, Dolores Rodríguez Salgado e Olalla Cutrín Mosteiro.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.11.2021.