Skip to main content

Rose-Noëlle Schütz e Éric Savaux reciben a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago de Compostela

Mº Paz García Rubio, Éric Savaux, Antonio López, Rose-Noëlle Schütz, Javier Lete Achirica e Dulce García Mella. Foto: Santi Alvite
Mº Paz García Rubio, Éric Savaux, Antonio López, Rose-Noëlle Schütz, Javier Lete Achirica e Dulce García Mella. Foto: Santi Alvite
A institución recoñece coa súa maior distinción a longa e frutífera colaboración prestada por estas dúas figuras do ámbito do Dereito da Universidade de Poitiers

O Salón de Graos do Colexio de San Xerome acolleu este xoves a entrega da Insignia de Ouro da USC á profesora Rose-Noëlle Schütz e ao profesor Éric Savaux, expertos en Dereito Civil da Universidade de Poitiers.

O reitor da USC, Antonio López, fíxolles entrega do máximo recoñecemento que a Universidade de Santiago de Compostela outorga a aquelas persoas que sobresaen dun xeito especial nos servizos prestados á institución, ben sexa pola súa continuidade e duración, ben sexa pola súa especial relevancia ou significación. O reitor puxo en valor a longa colaboración de Schütz e Savaux coa Universidade de Santiago a través de proxectos investigadores, intercambios docentes e publicacións, que contribuíron ao tecido de “vínculos e lazos que fan as universidades máis grandes e que, partindo de relacións persoais, por veces teñen a virtude de se converter en relacións institucionais que transcenden ás persoas que as crearon”.  

No desenvolvemento desa frutífera relación, López quixo recoñecer tamén o traballo dos grupos e persoal investigador promotores da homenaxe, representados no acto pola catedrática Mª Paz García Rubio e o profesor titular Javier Lete Achirica. Na súa laudatio á profesora Schütz, García Rubio salientou a “enorme hospitalidade e calidez humana” da profesora emérita da Universidade de Poitiers, e agradeceu a súa “profesionalidade, xenerosidade e amizade”, e o seu traballo no establecemento dunha “intensa colaboración entre dúas universidades moi parecidas, unidas polo Camiño e pola historia”.  Na resposta ás súas palabras e á homenaxe recibida, Rose-Noëlle Schütz describiu esta longa relación entre as dúas universidades como unha das experiencias máis fermosas da súa carreira.

Á relevancia histórica de ambas institucións e á  súa colaboración fixo tamén referencia o profesor titular Javier Lete no seu eloxio a Éric Savaux. Lete remarcou a “calidade humana, a capacidade de cooperación e a xenerosidade” do profesor emérito da Universidade de Poitiers, a quen definiu como “unha autoridade” no eido do Dereito de contratos. Na súa resposta ao recoñecemento, o profesor emérito Eric Savaux, aventurou que esta relación de amizade e colaboración proseguirá no futuro.

O acto de homenaxe contou coa presenza da secretaria xeral da USC, Dulce García Mella; da vicerreitora de Organización Académica, Celia Besteiro; da vicerreitora de Titulacións e Captación Internacional, María José López Couso; da vicerreitora de Igualdade de Cultura e Servizo;  María do Mar Lorenzo Moledo, e de persoal docente e investigador da USC e a Universidade de Poitiers.

Persoas asistentes ao acto de entrega da Insignia de Ouro da USC
Persoas asistentes ao acto de entrega da Insignia de Ouro da USC
The contents of this page were updated on 11.16.2021.