Rose-Noëlle Schütz e Éric Savaux reciben a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago de Compostela
O Salón de Graos do Colexio de San Xerome acolleu este xoves a entrega da Insignia de Ouro da USC á profesora Rose-Noëlle Schütz e ao profesor Éric Savaux, expertos en Dereito Civil da Universidade de Poitiers.
O reitor da USC, Antonio López, fíxolles entrega do máximo recoñecemento que a Universidade de Santiago de Compostela outorga a aquelas persoas que sobresaen dun xeito especial nos servizos prestados á institución, ben sexa pola súa continuidade e duración, ben sexa pola súa especial relevancia ou significación. O reitor puxo en valor a longa colaboración de Schütz e Savaux coa Universidade de Santiago a través de proxectos investigadores, intercambios docentes e publicacións, que contribuíron ao tecido de “vínculos e lazos que fan as universidades máis grandes e que, partindo de relacións persoais, por veces teñen a virtude de se converter en relacións institucionais que transcenden ás persoas que as crearon”.
No desenvolvemento desa frutífera relación, López quixo recoñecer tamén o traballo dos grupos e persoal investigador promotores da homenaxe, representados no acto pola catedrática Mª Paz García Rubio e o profesor titular Javier Lete Achirica. Na súa laudatio á profesora Schütz, García Rubio salientou a “enorme hospitalidade e calidez humana” da profesora emérita da Universidade de Poitiers, e agradeceu a súa “profesionalidade, xenerosidade e amizade”, e o seu traballo no establecemento dunha “intensa colaboración entre dúas universidades moi parecidas, unidas polo Camiño e pola historia”. Na resposta ás súas palabras e á homenaxe recibida, Rose-Noëlle Schütz describiu esta longa relación entre as dúas universidades como unha das experiencias máis fermosas da súa carreira.
Á relevancia histórica de ambas institucións e á súa colaboración fixo tamén referencia o profesor titular Javier Lete no seu eloxio a Éric Savaux. Lete remarcou a “calidade humana, a capacidade de cooperación e a xenerosidade” do profesor emérito da Universidade de Poitiers, a quen definiu como “unha autoridade” no eido do Dereito de contratos. Na súa resposta ao recoñecemento, o profesor emérito Eric Savaux, aventurou que esta relación de amizade e colaboración proseguirá no futuro.
O acto de homenaxe contou coa presenza da secretaria xeral da USC, Dulce García Mella; da vicerreitora de Organización Académica, Celia Besteiro; da vicerreitora de Titulacións e Captación Internacional, María José López Couso; da vicerreitora de Igualdade de Cultura e Servizo; María do Mar Lorenzo Moledo, e de persoal docente e investigador da USC e a Universidade de Poitiers.