Skip to main content

Veterinaria demanda máis protagonismo da profesión nos labores de prevención e control de pandemias

Facultade de Veterinaria da USC
Facultade de Veterinaria da USC
O Business Manager de CZVaccines, Pascual Rey, salienta que a maioría das patoloxías emerxentes que afectan á saúde humana teñen orixe zoonótica e pon en valor a experiencia dos servizos veterinarios no control e erradicación de enfermidades como a tuberculose, brucelose ou rabia
Lugo

A importancia da profesión veterinaria nos labores de control e erradicación das enfermidades animais, así como na redución do potencial impacto destes patóxenos na saúde humana e mesmo nos sistemas de produción está fóra de dúbida, tal e como se está a ver na evolución dos últimos gromos de gripe aviar en España, cuxa expansión controlada pon de manifesto a importancia dos servizos veterinarios, segundo subliña o Business Manager de CZVaccines, Pascual Rey.

Este veterinario chairego, que participa esta tarde, a partir das 20.00 horas, no Campus de Lugo como relator no ciclo ‘Apaixonad@s pola Veterinaria’, afondará na súa intervención sobre as múltiples achegas e utilidades que pode prestar a figura do profesional veterinario na prevención de pandemias. A realidade apunta neste senso, subliña Rey, quen lembra que ata a data xa se describiron máis de 200 enfermidades transmisibles de animais a  humanos. Ademais, engade, a comunidade científica estima que, cando menos, un 75% das patoloxías emerxentes que afectan ás persoas son de orixe zoonótico.

“As administracións, tanto a nivel ministerial como autonómico, son sabedoras do coñecemento e da experiencia no control de enfermidades de orixe animal”, di este veterinario, que cita a brucelose, turbeculose ou, entre outras, a rabia, como exemplos de éxito de control e erradicación de enfermidades pandémicas grazas á aplicación de sistemas de vixiancia epidemiolóxica, así como da posta en práctica de campañas baseadas no diagnóstico e na vacinación masiva.
 
A profesión veterinaria ten moito que dicir no control das pandemias, mantén Pascual Rey, na mesma liña dos postulados recollidos na estratexia One Health (unha saúde), que ve a coordinación entre medicina humana e veterinaria como “chave imprescindible” para mellorar a saúde pública. Neste senso, Pascual Rey precisa que se ben a medicina humana enfróntase á enfermidade desde a óptica ou dimensión do individuo, as situacións de pandemia requiren, alén de actuacións individuais, unha abordaxe a nivel de poboación e/ou rabaño.
 
O Business Manager de CZVaccines, unha biotecnolóxica ligada ao grupo Zendal, implicado de cheo na produción dunha nova vacina contra a COVID-19, aproveitou este encontro con estudantado universitario para presentar as múltiples oportunidades que depara o ámbito da biotecnoloxía aos profesionais veterinarios, tanto no eido da saúde humana como en empresas de sanidade animal. Asemade, Rey pon en valor o importante cometido que desenvolven os profesionais veterinarios nas diferentes etapas da cadea de valor no sector da produción e da sanidade animal, contribucións que abranguen desde o I+D ata a comercialización de produtos.

Agradecido ao equipo de dirección da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC por telo convidado a participar neste encontro co alumnado, Pascual Rey, non reparou en eloxios ao centro universitario lugués, ao que se referiu como “un referente, tanto nacional como europeo, para a formación de veterinarios e veterinarias con habilidades técnicas moi completas”. Aínda, así, o Business Manager de CZVaccines alentou aos futuros profesionais da Veterinaria a completar a súa formación teórica e práctica co desenvolvemento das soft skills, tal e como se coñecen outras habilidades e capacidades persoais (coñecemento de idiomas, habilidades tecnolóxicas..., que cada vez teñen un maior peso nos procesos de selección no contexto da globalización.

 

Pascual Rey
Pascual Rey
The contents of this page were updated on 02.16.2022.