Veterinaria demanda máis protagonismo da profesión nos labores de prevención e control de pandemias
A importancia da profesión veterinaria nos labores de control e erradicación das enfermidades animais, así como na redución do potencial impacto destes patóxenos na saúde humana e mesmo nos sistemas de produción está fóra de dúbida, tal e como se está a ver na evolución dos últimos gromos de gripe aviar en España, cuxa expansión controlada pon de manifesto a importancia dos servizos veterinarios, segundo subliña o Business Manager de CZVaccines, Pascual Rey.
Este veterinario chairego, que participa esta tarde, a partir das 20.00 horas, no Campus de Lugo como relator no ciclo ‘Apaixonad@s pola Veterinaria’, afondará na súa intervención sobre as múltiples achegas e utilidades que pode prestar a figura do profesional veterinario na prevención de pandemias. A realidade apunta neste senso, subliña Rey, quen lembra que ata a data xa se describiron máis de 200 enfermidades transmisibles de animais a humanos. Ademais, engade, a comunidade científica estima que, cando menos, un 75% das patoloxías emerxentes que afectan ás persoas son de orixe zoonótico.
“As administracións, tanto a nivel ministerial como autonómico, son sabedoras do coñecemento e da experiencia no control de enfermidades de orixe animal”, di este veterinario, que cita a brucelose, turbeculose ou, entre outras, a rabia, como exemplos de éxito de control e erradicación de enfermidades pandémicas grazas á aplicación de sistemas de vixiancia epidemiolóxica, así como da posta en práctica de campañas baseadas no diagnóstico e na vacinación masiva.
A profesión veterinaria ten moito que dicir no control das pandemias, mantén Pascual Rey, na mesma liña dos postulados recollidos na estratexia One Health (unha saúde), que ve a coordinación entre medicina humana e veterinaria como “chave imprescindible” para mellorar a saúde pública. Neste senso, Pascual Rey precisa que se ben a medicina humana enfróntase á enfermidade desde a óptica ou dimensión do individuo, as situacións de pandemia requiren, alén de actuacións individuais, unha abordaxe a nivel de poboación e/ou rabaño.
O Business Manager de CZVaccines, unha biotecnolóxica ligada ao grupo Zendal, implicado de cheo na produción dunha nova vacina contra a COVID-19, aproveitou este encontro con estudantado universitario para presentar as múltiples oportunidades que depara o ámbito da biotecnoloxía aos profesionais veterinarios, tanto no eido da saúde humana como en empresas de sanidade animal. Asemade, Rey pon en valor o importante cometido que desenvolven os profesionais veterinarios nas diferentes etapas da cadea de valor no sector da produción e da sanidade animal, contribucións que abranguen desde o I+D ata a comercialización de produtos.
Agradecido ao equipo de dirección da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC por telo convidado a participar neste encontro co alumnado, Pascual Rey, non reparou en eloxios ao centro universitario lugués, ao que se referiu como “un referente, tanto nacional como europeo, para a formación de veterinarios e veterinarias con habilidades técnicas moi completas”. Aínda, así, o Business Manager de CZVaccines alentou aos futuros profesionais da Veterinaria a completar a súa formación teórica e práctica co desenvolvemento das soft skills, tal e como se coñecen outras habilidades e capacidades persoais (coñecemento de idiomas, habilidades tecnolóxicas..., que cada vez teñen un maior peso nos procesos de selección no contexto da globalización.