A avespa asiática como depredador exótico en Europa, a debate en setembro no marco da Universidade de Verán da USC
‘Avespa asiática (V. Velutina Nigrithorax), un deprador exótico en Europa: Qué nos depara o futuro?’ é o título do curso incluído na Universidade de Verán 2016 da USC e que se desenvolverá os días 1 e 2 de setembro na Facultade de Ciencias do Campus Terra da USC.
Estruturado en 15 horas lectivas e aberto á participación de todo o público interesado, o programa dirixido polo investigador da USC Xesús Feás está articulado en dúas xornadas, organizadas coa pretensión de converterse nun foro ou espazo de encontro, divulgación científica e aprendizaxe mutua entre apicultores, administracións e científicos.
O director do curso Xesús Feás abrirá a quenda de relatorios do curso cunha sesión de achegamento a temática dun curso, cuxos relatores abordarán o pasado o presente e o futuro da V. Velutina en Europa. A chegada deste insecto depredador a Galicia, os distintos programas ou iniciativas postas en marcha pora frear a súa propagación e as accións adoptadas ao respecto pola Xunta de Galicia serán cuestións a tratar na primeira xornada deste curso da Universidade de Verán 2016 da USC.
A erradicación da V. Velutina, cebos, trampas, ou mesmo os sistemas de loita e prevención centrarán a temática dos relatorios programados na segunda xornada deste foro, cando tamén se abordará a presenza e a incidencia deste insecto en Portugal ou en comarcas galegas como pode ser Ferrolterra.
As persoas interesadas en obter máis información respecto do programa deste seminario formativo, que non conta con límite de prazas, poden facelo a través da web da Universidade de Verán 2016 da USC, onde tamén se é posible formalizar a inscrición neste curso, para o que está aberta a matrícula.