Cultura emprendedora nas aulas da Facultade de ADE
A Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus Terra da USC apoia o emprendemento universitario coa celebración este xoves dunha xornada sobre cultura emprendedora orientada á participación de estudantes dos últimos cursos do grao en ADE.
A decana da Facultade de ADE, Begoña Barreiro Fernández, abriu a sesión na Aula Magna do centro universitario lugués cun breve acto de benvida a todas as persoas asistentes. De seguido, José Manuel Rebolo González e Patricia González Alonso, técnicos da Área de Valorización e Transferencia de Tecnoloxía e Emprendemento da USC, fixeron unha exposición sobre as posibilidades e liñas de axuda a emprendedores dispoñibles no Campus Terra da USC.
Os testemuños das promotoras do proxecto empresarial LegalMit, María e Leticia Seara Losada, así como do promotor do proxecto Urban Digital Box, José Luis Gude Pereira, permitiron coñecer as súas respectivas experiencias como emprendedores empresariais no marco dun foro no que o coordinador da Fundación CEL-Iniciativas por Lugo, Rodolfo Ojea, tamén presentaron ao estudantado universitario as accións de apoio a iniciativas de emprendemento promovidas pola Confederación de Empresarios de Lugo (CEL).
A xornada sobre cultura emprendedora organizada na Facultade de ADE rematou coa presentación das empresas Raiola Networks SL e Alazia Couture SL, a cargo dos seus co fundadores, Álvaro Fontela Sánchez e Carmen Louzao Soneira, respectivamente.