Skip to main content

O campus de verán internacional de Galicia XuvenCiencia ofrece 135 prazas para alumnado preuniversitario

El campus de verano internacional de Galicia XuvenCiencia ofrece 135 plazas para alumnado preuniversitario
El campus de verano internacional de Galicia XuvenCiencia ofrece 135 plazas para alumnado preuniversitario
O Campus Terra da USC celebrará do 2 ao 8 de xullo a quinta edición do campus de verán XuvenCiencia, un programa organizado e promovido polo profesorado da sede universitaria luguesa en colaboración...
Lugo

O Campus Terra da USC celebrará do 2 ao 8 de xullo a quinta edición do campus de verán XuvenCiencia, un programa organizado e promovido polo profesorado da sede universitaria luguesa en colaboración coa Vicerreitoría de Coordinación, a través do que se pretende espertar a vocación científica do alumnado preuniversitario de toda Galicia.

 

O prazo de inscrición neste programa, que amplía a 135 o número de prazas ofertadas, 5 das cales irán destinadas a alumnado da Universidade Júnior de Oporto, permanecerá aberto desde este venres 28 de abril, ás 16:00 horas, ata o vindeiro 8 maio, ás 24:00 horas, na páxina web http://www.usc.es/xuvenciencia/campus/. Os organizadores publicarán o 11 de maio a primeira lista de admitidos. A matrícula ábrese do 12 ao 17 de maio.  

 

A nova edición deste campus de verán, unha iniciativa orientada a estudantado preuniversitario de 4º de ESO e Bacharelato e que se desenvolve baixo o lema ‘Aprendendo desde a experiencia’, presenta un ameno programa de aprendizaxe e convivencia, a través do que se busca dar a coñecer á mocidade preuniversitaria os distintos itinerarios formativos que poden cursan nas seis facultades e escolas do campus de Lugo, así como nos dous centros adscritos: Escola Universitaria de Relacións Laborais e Escola Universitaria de Enfermaría.

 

Do mesmo xeito que en edicións anteriores, o campus de verán Xuvenciencia Lugo 2017 presenta un módulo para veteranos, ao tempo que brinda servizo de aloxamento desde a noite do 2 de xullo ata o 8 de xullo, para poder gozar das actividades programadas polos monitores da A.D.C. Lumieira Lugo. A presente edición aspira, como primordial obxectivo, a impulsar a convivencia. Por este motivo, ofértanse prazas con aloxamento para que todo o alumnado interesado poda aprender a convivir cos seus futuros/as compañeiros/as de carreira.

 

O vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do Campus de Lugo, Andrés Barreiro Lois; a profesora da USC e coordinadora do campus de verán XuvenCiencia Lugo, Mercedes Novo Rodríguez; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o deputado provincial de Turismo e Cultura, Eduardo Vidal Baamonde; e Carlota López Pardo, en representación da empresa patrocinadora Aresa, presentaron este xoves na Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo a nova edición do campus de verán XuvenCiencia, un proxecto de divulgación científica con máis de 104 eventos programadas e avalado pola participación duns 146 docentes da USC e outro persoal de apoio.

 

O V Campus de Verán XuvenCiencia iniciarase coa celebración dunha charla divulgativa a cargo do físico Cibrán Santamarina, quen fixo o seu doutoramento no CERN, onde sigue a colaborar na actualidade, co título “Elemental, querido Schrödinger”. Santamarina traballa no departamento de Física de Partículas da USC.

 

As distintas actividades incluídas no campus de verán XuvenCiencia Lugo desenvolveranse en quenda de mañá e tarde, en horario de 9.30 a 20.30 horas, nas facultades de Ciencias, Humanidades, Administración e Dirección de Empresas, Formación do Profesorado e Veterinaria, así como na Escola Politécnica Superior de Lugo e os dous centros adscritos: Escola Universitaria de Relacións Laborais e Escola Universitaria de Enfermaría. As visitas aos distintos laboratorios de investigación e servizos do Campus Terra e a centros e empresas colaboradoras (Aula de Produtos Lácteos, Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, Museo Provincial, Domus do Mitreo, AMSlab, Xenética Fontao, Hospital Universitario Lucus Augusti, Castro de Viladonga, Sotavento, Fundación TIC), e a realización de actividades prácticas e de talleres relacionados coas titulacións científicas, técnicas e sociais do Campus Terra centran as actividades programadas polos organizadores do campus en quenda de mañá. Ademais, este ano programouse unha oferta adicional con obradoiros de danza, teatro e audiovisual.

 

Polas tardes, os/as alumnos/as inscritos/as no programa, repartidos en grupos pequenos, desenvolverán, baixo a tutela do profesorado universitario, distintos proxectos científicos ou técnicos a elixir entre 26 propostas. O programa ‘Lumieira Acompaña’, guiado por monitores titulados da A.D.C Lumieira, ofrece, a partir das 18.00 horas, diversas actividades lúdicas en quenda de tarde para todos os estudantes e noite para os estudantes aloxados. Nesta oferta lúdica atópanse actividades deportivas, camiñadas ou rutas de sendeirismo nas proximidades, piscina, xincana polo centro histórico de Lugo...

 

O estudantado que tome parte en XuvenCiencia Lugo terá a ocasión de ser protagonista de diversos proxectos científicos, técnicos e sociais que versan sobre áreas de coñecemento moi diversas. Así, as propostas feitas polo Campus Terra da USC para este nova edición do campus abranguen un abano temático moi amplo que vai desde a cor, pigmentos naturais e pH; a enerxía do futuro, simulación dun convertedor de enerxía das ondas mariñas; investigando proteínas; animal CSI; árbores en tubos de ensaio; crea o teu anuncio publicitario; os científicos das letras;  ou prácticas clínicas veterinarias. 

The contents of this page were updated on 02.25.2022.