O Campus Terra da USC acolle unha xornada sobre marketing persoal para a búsqueda de emprego
A aula e-Terra da Biblioteca Intercentros acolle este mércores, entre as 10:00 e as 13:00 horas, unha sesión, con inscrición aberta e de balde para estudantes e titulados no Campus Terra, na que se detallarán os pasos para atopar emprego coas técnicas que utilizan os expertos en marketing e comunicación.
Baixo o título “Marketing persoal para a búsqueda de emprego”, na sesión abordarase como deseñar un plan estratéxico e focalizar o obxectivo primordial, así como os intermedios. Asemade, ensinaráselle aos candidatos e candidatas a reflexionar sobre a súa proposta de valor, definir o seu posicionamento, e elaborar o seu Unique Selling Proposition. Durante a xornada, tratarase ademais a redacción dun eficaz CV e como acadar unha entrevista de traballo para superala con éxito.
A sesión, que forma parte do programa de formación para a empregabilidade do Campus Terra, será impartida por Modesto Gómez, profesional que leva anos traballando como responsable de recursos humanos en diversas empresas e institucións. Gómez é autor de libros económicos, contos, publicacións paisaxísticas e máis de 300 artigos para prensa e medios técnicos de comunicación. Como formador, leva máis de 10 anos impartindo cursos de márketing habilidades socio-directivas e desenvolvemento estratéxico. Desde 2008 é formador nacional da Fundación Incyde de Cámaras de Comercio de España.
Os interesados e interesadas deben formalizar a súa inscrición enviando un mail cos seus datos persoais a emprego.lugo [at] usc.es (emprego[dot]lugo[at]usc[dot]es)