O festival de teatro e o certame audiovisual 'Fin de curta', novas citas da axenda cultural universitaria do mes de marzo en Lugo
A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez; a deputada provincial delegada da área de Cultura, Pilar García Porto, e a concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Carmen Basadre, presentaron este luns na Capela de Santa María, os pormenores do Festival de Teatro Universitario de Lugo, no marco dun acto no que fixeron fincapé no carácter gratuíto de todas as actuacións, de entrada libre e de balde, agás as sesións previstas para os días 24 e 25. Neste caso, ao tratarse de funcións con aforo limitado, cómpre recoller as entradas, que tamén son de balde, o 17 de marzo, en quenda de 9.00 a 14.00 horas, nas dependencias da Oficina de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo. Consulta aquí o programa completo do Festival de Teatro Universitario de Lugo.
Pola súa parte, a segunda edición do certame audiovisual 'Fin de curta', unha iniciativa que busca servir para dar impulso a novos creadores e programada tamén ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que conta con financiamento da Deputación e Concello de Lugo, así como da USC, desenvolverase entre o 31 de marzo e o 3 de abril de 2017. As persoas que tomen parte nese certame, que agasallará con 500 euros a proposta gañadora, ao tempo que as dúas candidaturas máis valoradas poderán competir polos premios á mellor curtametraxe galega da Semana de Cine de Autor de Lugo, deberán realizar unha curta seguindo as bases da convocatoria. Consulta aquí as bases do certame.