Skip to main content

As ferramentas de axuda á decisión melloran o rendemento e a xestión da colleita de millo, conclúe un estudo do Campus Terra

Las herramientas de ayuda a la decisión mejoran el rendimiento y la gestión de la recolecta de maíz, concluye un estudio del Campus Terra
Las herramientas de ayuda a la decisión mejoran el rendimiento y la gestión de la recolecta de maíz, concluye un estudio del Campus Terra
Unha investigación realizada na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC pola enxeñeira luguesa Noelia Cascudo Cao conclúe que a implantación de ferramentas de axuda á toma de decisións...
Lugo

Unha investigación realizada na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC pola enxeñeira luguesa Noelia Cascudo Cao conclúe que a implantación de ferramentas de axuda á toma de decisións pode redundar en melloras significativas tanto na xestión da  recolleita de millo forraxeiro como no aumento dos rendementos da colleita.

 

As achegas realizadas por Cascudo Cao na súa investigación de doutoramento, dirixida polos profesores Carlos Amiama Ares e Javier Bueno Lema, teñen especial importancia na conxuntura actual, caracterizada por un elevado custe das materias primas e os baixos prezos do leite, e na que as explotacións de vacún de leite deben buscar fórmulas para reducir os seus custes de produción.

 

Nesta situación, unha alternativa para a viabilidade das explotacións é a que pasa polo incremento da produción de forraxes para así diminuír a dependencia de pensos concentrados. Cómpre lembrar neste senso que Galicia acapara o 58,6 % da produción de millo forraxeiro da Península Ibérica, o que fai que este produto constitúa un piar fundamental na conta de resultados da explotación.

 

Noelia Cascudo Cao realiza na súa tese de doutoramento unha caracterización exhaustiva dos distintos procesos que interveñen na recolleita do millo forraxeiro co obxectivo de desenvolver sistemas de axuda á toma de decisións que permitan reducir os custes asociados. Neste senso Cascudo Cao desenvolveu os ciclos de colleita correspondentes a varias posibles combinacións de equipos ao tempo que avaliou os custes dos rendementos obtidos cos dous tipos de máquinas colleitadoras autopropulsadas de maior implantación na zona de estudio, con tolva incorporada para o transporte de forraxe e sen este dispositivo.

 

A investigadora analizou tamén doutra banda o proceso de descarga e apisoado da forraxe no silo, a fin de extraer conclusións sobre o efecto que aspectos tales como a pendente da rampla de acceso,o criterio de descarga de vehículos e o rendemento dos equipos utilizados, teñen sobre a eficiencia desta operación.

 

Outro dos aspectos analizados no marco desta investigación de doutoramento afecta á optimización de rutas de das máquinas colleitadoras, desenvolvendo unha ferramenta para a determinación da secuencia de parcelas a colleita que, cumprindo  coas restricións asociadas ao proceso, minimiza os tempos de desprazamento entre parcelas da colleitadora e proporciona a combinación de vehículos de transporte de mínimo custe.

Unha vez completadas estas pescudas, Cascudo Cao conclúe na súa tese que unha correcta selección da combinación de equipos a empregar, xunto cunha xestión axeitada do proceso de descarga e apisoado no silo reportará importantes aforros nos custes de recolección. Asemade, a implantación e posta en práctica destas recomendacións permitiría reducir os prazos da colleita, o que implica un importante custe de oportunidade no proceso obxecto de estudo.

 

Tribunal de tese e cualificación

O catedrático da Universidade Politécnica de Valencia Antonio Torregrosa Mira presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Noelia Cascudo Cao. O profesor titular da Universidade de Zaragoza Francisco Javier García Ramos e o profesor da USC José Manuel Pereira González, quen actuou como secretario, completaron a relación de membros dun tribunal que concedeu a máxima cualificación académica á tese que vén de presentar Noelia Cascudo na Escola Politécnica Superior de Lugo.

The contents of this page were updated on 02.25.2022.