O Campus Terra da USC e a Universidade de Lyon ofertan un curso conxunto sobre xestión estratéxica de explotacións agrícolas
A xestión estratéxica de explotacións no eido agrícola e forestal é un campo en expansión nos últimos anos, e o papel e a formación de asesores adquire cada vez maior importancia. As explotacións agrícolas deben facer fronte a desafíos técnicos, sociais, económicos e ambientais para que a súa actividade produtiva sexa sostible e rendible nun contexto cada vez máis complexo e competitivo. Por esa razón, faise cada vez máis necesario acudir a especialistas en xestión estratéxica de empresas.
Para contribuír a unha mellora neste campo, o Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC e a escola VetAgro Sup da Universidade francesa de Lyon organizan o curso de perfeccionamento Xestión estratéxica de explotacións agrícolas para unha mellora global continua, que se vai desenvolver entre o 26 de xaneiro e o 10 de febreiro na Escola Politécnica Superior de Lugo coa colaboración do Campus Terra e da Caixa Rural Galega. A preinscrición está aberta ata este venres 13.