Asteria Luzardo, nova decana da Facultade de Ciencias
A profesora da Área de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica, Asteria María Luzardo Álvarez, vén de ser elixida como decana da Facultade de Ciencias do Campus de Lugo da USC, logo de que a súa candidatura acadara máis do 91% dos votos no proceso electoral celebrado no centro. Os docentes Ramiro Barcia e Patricia Regal, que desenvolverán as funcións de vicedecano e secretaria do centro, respectivamente, completan o novo equipo de dirección da Facultade de Ciencias.
A mellora da calidade docente, a ampliación do catálogo de titulacións ofertadas no centro e a potenciación do labor de I+D que desenvolve o persoal investigador na Facultade de Ciencias da USC son algúns dos grandes retos fixados polo novo equipo decanal, comenta Asteria Luzardo, quen sinala a obtención do selo de acreditación internacional EUR-ACE para o grao de Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais como un dos obxectivos inmediatos do centro.
A ampliación da formación complementaria relacionada coa titulación do grao en Nutrición Humana e Dietética a fin de beneficiar ao seu estudantado e tamén aos titulados coa programación de novos cursos de especialización é outro dos cometidos nos que traballará a Facultade de Ciencias. Outra das iniciativas no plano da docencia e ligada ao grao de Bioquímica, engadiu Luzardo, pasa pola promoción dun programa de prácticas externas, tanto curriculares como extracurriculares para o alumnado.
A medio prazo, a Facultade de Ciencias tamén analiza as posibilidades de implantar un posgrao que dea continuidade aos estudos das persoas tituladas en Bioquímica, pero que tamén estea aberto a outras titulacións das ramas de Ciencias no Campus de Lugo, di a decana electa.
Investigación
A investigación constitúe un dos obxectivos prioritarios da Facultade de Ciencias, tanto no que atinxe a promover e facilitar o labor do seu PDI como a proxectar os resultados do traballo científico realizado. Para avanzar nesta liña, o equipo de Asteria Luzardo tratará tamén de aproveitar as sinerxías do Campus Terra para dar visibilidade á actividade investigadora de calidade do centro, ademais de para estreitar relacións con outros polos de investigación, empresas, institucións, facultades e outros grupos.
Xa en clave interna, Luzardo ve necesario incentivar a mobilidade do estudantado, ben a través das canles existentes ao abeiro dos programas Erasmus ou Sicue ben mediante o establecemento de convenios con outras universidades, ampliar a oferta de congresos e actividades que contribúan á formación continua de estudantes e egresados, ademais de articular mecanismos para favorecer a formación práctica do alumnado. No plano das infraestruturas e equipamentos, o maior reto do equipo decanal da Facultade de Ciencias é o de completar a dotación dos novos laboratorios e adquirir equipamento útil para docencia e investigación.