Ir o contido principal

Asteria Luzardo, nova decana da Facultade de Ciencias

Asteria Luzardo, nun laboratorio da Facultade de Ciencias do Campus de Lugo da USC
Asteria Luzardo, nun laboratorio da Facultade de Ciencias do Campus de Lugo da USC
A candidatura liderada pola profesora da Área de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC, da que tamén forman parte Ramiro Barcia e Patricia Regal, en calidade de vicedecano e secretaria do centro, respectivamente, obtivo máis do 91% dos votos
Lugo

A profesora da Área de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica, Asteria María Luzardo Álvarez, vén de ser elixida como decana da Facultade de Ciencias do Campus de Lugo da USC, logo de que a súa candidatura acadara máis do 91% dos votos no proceso electoral celebrado no centro. Os docentes Ramiro Barcia e Patricia Regal, que  desenvolverán as funcións de vicedecano e secretaria do centro, respectivamente, completan o novo equipo de dirección da Facultade de Ciencias.

A mellora da calidade docente, a ampliación do catálogo de titulacións ofertadas no centro e a potenciación do labor de I+D que desenvolve o persoal investigador na Facultade de Ciencias da USC son  algúns dos grandes retos fixados polo novo equipo decanal, comenta Asteria Luzardo, quen sinala a obtención do selo de acreditación internacional EUR-ACE para o grao de Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais como un dos obxectivos inmediatos do centro.

A ampliación da formación complementaria relacionada coa titulación do grao en Nutrición Humana e Dietética a fin de beneficiar ao seu estudantado e tamén aos titulados coa programación de novos cursos de especialización é outro dos cometidos nos que traballará a Facultade de Ciencias. Outra das iniciativas no plano da docencia e ligada ao grao de Bioquímica, engadiu Luzardo, pasa pola promoción dun programa de prácticas externas, tanto curriculares como extracurriculares para o alumnado.

A medio prazo, a Facultade de Ciencias tamén analiza as posibilidades de implantar un posgrao que dea continuidade aos estudos das persoas tituladas en Bioquímica, pero que tamén estea aberto a outras titulacións das ramas de Ciencias no Campus de Lugo, di a decana electa.

Investigación

A investigación constitúe un dos obxectivos prioritarios da Facultade de Ciencias, tanto no que atinxe a promover e facilitar o labor do seu PDI como a proxectar os resultados do traballo científico realizado. Para avanzar nesta liña, o equipo de Asteria Luzardo tratará tamén de aproveitar as sinerxías do Campus Terra para dar visibilidade á actividade investigadora de calidade do centro, ademais de para estreitar relacións con outros polos de investigación, empresas, institucións, facultades e outros grupos.  

Xa en clave interna, Luzardo ve necesario incentivar a mobilidade do estudantado, ben a través das canles existentes ao abeiro dos programas Erasmus ou Sicue ben mediante o establecemento de convenios con outras universidades, ampliar a oferta de congresos e actividades que contribúan á formación continua de estudantes e egresados, ademais de articular mecanismos para favorecer a formación práctica do alumnado. No plano das infraestruturas e equipamentos, o maior reto do equipo decanal da Facultade de Ciencias é o de completar a dotación dos novos laboratorios e adquirir equipamento útil para docencia e investigación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.05.2022.