Química olímpica na USC
A Olimpíada Nacional de Química chegou esta fin de semana na USC á súa trixésimo quinta edición coa vontade de estimular o alumnado de ensino secundario para buscar a excelencia neste eido e promover a relación entre estudantado, profesorado e persoal científico de distintas partes do mundo. O reitor Antonio López interveu no acto de clausura que serviu de marco para a entrega de diplomas aos mozos e mozas participantes, así como para a concesión de medallas ás persoas vencedoras. Un total de 113 alumnos procedentes de todo o Estado participaron na Olimpíada.
Nesta edición, os e as participantes distinguidos coas Medallas de Ouro e Premios Nacionais foron por orde de clasificación: Pablo Faus, do IES María Enríquez de Gandía (Valencia); Álvaro Salazar do Colegio Retamar de Pozuelo de Alarcón (Madrid); Pau Moliner do IES Vicent Sos Baynat de Castellón de la Plana; Marcos Bautista do Colegio Retamar Pozuelo de Alarcón (Madrid); Gonzalo Sastre do Colegio Retamar de Pozuelo de Alarcón (Madrid); Álvaro de Irízar do IES Benjamin de Tudela (Navarra); Marcos Batalla da Escola Pia de Mataró (Barcelona); Jaime Pulido do Centro Escolar Amanecer de Alcorcón (Madrid); Abel Salinas de Aula Escola Europea de Barcelona e Jorge Bonifaz do IES Campanar de Valencia.
Ademais do reitor, o acto contou coa participación do secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a directora xeral de Planificación e Xestión Educativa do Ministerio de Educación e Formación Profesional, Leticia de Frutos Sastre; o decano da Facultade de Química, Jesús Sanmartín Lobos; o presidente da Real Sociedade Española de Química, Antonio M. Echavarren; o presidente da Conferencia Española de Decanos de Química, Manuel Chicharro Santamaría; o presidente da Sección Territorial de Galicia da RSEQ e a presidenta do comité organizador da Fase Nacional da Olimpíada e ex-decana da Facultade, Pilar Bermejo Barrera.
A Facultade de Química acolleu do 6 ao 8 de maio, a última fase da Olimpíada Nacional de Química, un evento organizado polo Ministerio de Educación e Formación Profesional e a Real Sociedade Española de Química, que ademais enmárcase no programa de actividades que conmemoran o centenario dos estudos nesta área da Universidade de Santiago de Compostela. No marco deste certame, desenvolveuse tamén o XIII Encontro Nacional de Docentes de Química e a exposición Mulleres na Química.