A EPS de Enxeñaría simboliza a “sombra proveitosa” de Antonio Rigueiro coa plantación dunha sobreira na Valgada do Campus
A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC simboliza coa plantación dunha sobreira na Valgada do Campus a “proveitosa sombra” e os “moitos froitos” dados o centro universitario lugués polo catedrático da área de Produción Vexetal Antonio Rigueiro, recentemente distinguido coa Insignia de Ouro da USC.
A plantación desta especie arbórea (Quercus suber L) da familia do carballo, aínda que de folla perenne, contou coa participación dunha nutrida representación de docentes e investigadores do centro universitario lugués, que renderon así a súa particular homenaxe ao profesor Antonio Rigueiro, quen, ao remate do presente curso, acada a condición de emérito despois de desenvolver unha prolífica actividade científica e académica durante os últimos sete lustros na EPS de Enxeñaría da USC.