Resolto o Premio de Investigación da Cátedra do Camiño
O Premio de Investigación da Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións, cuxa creación é o resultado da colaboración entre a USC e Turismo de Galicia da Xunta de Galicia, acaba de recoñecer ex aequo, na súa quinta edición, a tese de doutoramento de Patxi Pérez Ramallo ‘Pilgrimage to Santiago de Compostela. Osteological and Biomolecular Analysis of Medieval Individuals’; e o libro de Victoriano Nodar Fernández ‘El Bestiario de la Catedral de Santiago de Compostela: Espacio, Función y Audiencia’.
O xurado estivo composto por Miguel Taín Guzmán, catedrático de Historia da Arte da USC e director da devandita Cátedra; María José Azevedo Santos, catedrática da Facultade de Letras da Universidade de Coimbra, membro do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago e co-directora da citada Cátedra; así como Daniel C. Lorenzo Santos, director da Fundación Catedral de Santiago de Compostela e co-director da devandita Cátedra.
Máis de 200 individuos medievais analizados
A tese de Patxi Pérez Ramallo, dirixida polo profesor Francisco Etxeberria Gabilondo e defendida na Universidade do País Vasco, aborda a orixe e evolución do Camiño de Santiago na Idade Media (séculos IX-XV d.C.). Por medio de técnicas como a osteoloxía (o estudo dos ósos), os isótopos estables (elementos que proporcionan información sobre a dieta e a orixe dos individuos), o carbono 14, e mesmo o ADN; un equipo interdisciplinario e internacional coordinado por Pérez Ramallo, logrou desentrañar parte dos misterios que aínda envolven os peregrinos e as sociedades.
A investigación iníciase na necrópole da Catedral de Santiago de Compostela e prosegue ao longo do Camiño do Norte e Francés pasando por A Coruña, Lugo, Oviedo, Logroño, Burgos, Pamplona, Roncesvalles, ou Jaca, entre outros puntos xeográficos. Ata un total de 28 xacementos arqueolóxicos e máis de 200 individuos medievais foron analizados. Entre estes individuos, destaca un número significativo de peregrinos descubertos grazas a ser enterrados cuncha de vieira. Pérez Ramallo logrou identificar parcialmente a orixe e xerar un perfil biolóxico (home, muller, estatura, enfermidades…) e social (rico, pobre, urbano, ou rural, entre outros) destes romeus medievais que pereceron na volta, e o máis interesante, tentar identificar a aqueles que morreron antes de chegar a Compostela e obter a cuncha de vieira. Ademais, “o proxecto tamén concentrou os seus esforzos en ver o impacto que tivo o Camiño de Santiago na formación e desenvolvemento dos distintos reinos medievais cristiáns do norte peninsular, así como na formación das cidades e os distintos status sociais”, apunta o investigador.
O bestiario medieval
Pola súa parte, o libro é Victoriano Nodar Fernández, doutor pola USC, constitúe un estudo dos capiteis do interior da Catedral románica de Santiago que se centra naqueles que teñen unha figuración animalística, é dicir, que teñen como tema fundamental o bestiario medieval. “É por tanto un estudo iconográfico que busca rescatar do esquecemento a estas magníficas obras escultóricas que quedaran eclipsadas nos estudos dedicados á catedral pola potencia e calidade das portadas románicas da basílica: Praterías e o Pórtico da Gloria”, explica o investigador.
O espectador actual ao atopase no interior da catedral, un espazo cunha evidente función litúrxica e cultual, esperaría atoparse esculpido nestes capiteis, un amplo repertorio de temas sacros. “Por esa razón hoxe sorpréndenos aínda máis a extraordinaria abundancia de temas do bestiario que, nunha primeira mirada, parecen banais e ata puramente decorativos”, matiza Nodar Fernández. Con todo, o estudo combinado das fontes textuais das que puideron botar man os escultores, a situación destas imaxes no espazo da catedral e da audiencia para a que estaban destinadas as representacións evidenciou que non se trata só de decoración dun espazo sacro, senón que formaban parte dun relato articulado en imaxes para transmitir unha mensaxe dogmática.