Visita institucional da Bukhara State University de Uzbequistán ao Campus de Lugo para avaliar novas colaboracións
Unha delegación da Bukhara State University de Uzbequistán encabezada polo vicerreitor de Cooperación Internacional, Abror Juraev, e da que tamén formaba parte o investigador Olim Rahimov, realizou este xoves unha visita institucional ao Campus de Lugo, onde se desenvolveu unha xuntanza de traballo na que participaron o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga; o decano da Facultade de Administración e dirección de Empresas, Roberto Bande, así como o profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría Tomás Cuesta, quen dirixe a tese de doutoramento que este venres presentará na sede universitaria luguesa o citado investigador uzbeko.
As posibles liñas de colaboración en materia de formación de docentes e investigadores da Bukhara State University de Uzbequistán, así como o deseño e desenvolvemento de contidos e programas académicos orientados a mellorar a formación do seu alumnado foron algúns dos temas abordados no marco da recepción ofrecida por Francisco Fraga na Vicerreitoría do Campus de Lugo a esta delegación universitaria de Asia central.
A visita do vicerreitor de Cooperación Internacional da Bukhara State University á sede universitaria luguesa fortalece as liñas de colaboración xa existentes entre esta institución asiática co Campus de Lugo da USC, onde este venres o investigador asiático Olim Rahimov presentará, ás 11.00 horas, na sala de xuntas da EPSE, a tese de doutoramento ‘Análise da eficiencia do uso da auga no contexto da liberalización agrícola en Bujará, Uzbequistán’, dirixida polo profesor Cuesta García.