Ir o contido principal

Visita institucional da Bukhara State University de Uzbequistán ao Campus de Lugo para avaliar novas colaboracións

Rahimov, Juraev, Cuesta, Bande e Fraga, no edificio da Vicerreitoría de Lugo
Rahimov, Juraev, Cuesta, Bande e Fraga, no edificio da Vicerreitoría de Lugo
O vicerreitor de Organización Académica da USC, Francisco Fraga, acompañado dos profesores Tomás Cuesta e Roberto Bande, mantivo unha xuntanza de traballo cunha delegación académica e científica da universidade uzbeka
Lugo

Unha delegación da Bukhara State University de Uzbequistán encabezada polo vicerreitor de Cooperación Internacional, Abror Juraev, e da que tamén formaba parte o investigador Olim Rahimov, realizou este xoves unha visita institucional ao Campus de Lugo, onde se desenvolveu unha xuntanza de traballo na que participaron o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga; o decano da Facultade de Administración e dirección de Empresas, Roberto Bande, así como o profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría Tomás Cuesta, quen dirixe a tese de doutoramento que este venres presentará na sede universitaria luguesa o citado investigador uzbeko.

As posibles liñas de colaboración en materia de formación de docentes e investigadores da Bukhara State University de Uzbequistán, así como o deseño e desenvolvemento de contidos e programas académicos orientados a mellorar a formación do seu alumnado foron algúns dos temas abordados no marco da recepción ofrecida por Francisco Fraga na Vicerreitoría do Campus de Lugo a esta delegación universitaria de Asia central.

A visita do vicerreitor de Cooperación Internacional da Bukhara State University á sede universitaria luguesa fortalece as liñas de colaboración xa existentes entre esta institución asiática co Campus de Lugo da USC, onde este venres o investigador asiático Olim Rahimov presentará, ás 11.00 horas, na sala de xuntas da EPSE, a tese de doutoramento ‘Análise da eficiencia do uso da auga no contexto da liberalización agrícola en Bujará, Uzbequistán’, dirixida polo profesor Cuesta García.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.09.2022.