Carlos Folgar aborda en Humanidades o bilingüismo literario de Alfonso X e as claves da súa poética en galego
O profesor de Lingua española Carlos Folgar Fariña abordará este venres na Facultade de Humanidades o bilingüismo literario de Alfonso X O Sabio no marco do seminario ‘Tres olladas na historia das letras españolas’. O decano deste centro universitario lugués, Gonzalo Fernández Suárez, inaugurará ás 16.30 horas, este acto académico organizado no centro universitario lugués en homenaxe a este docente co gallo da súa recente xubilación.
A intervención do profesor Folgar Fariña permitirá ao público presente coñecer algunhas das claves do bilingüismo literario de Alfonso X, sobre todo no que atinxe ás composicións poéticas escritas en galego-portugués, un feito que, segundo considera Folgar Fariña responde a relacións persoais que mantivo en Galicia o monarca durante a súa infancia e xuventude.
O catedrático emérito de Lingua Española da USC Emilio Montero Cartelle abrirá a quenda de intervencións cun relatorio baixo o título ‘Insulte usted sabiendo lo que dice: metáforas conceptuales sobre sexo en La Lozana Andaluza’. Ao seu remate, o tamén catedrático Alexandre Veiga ofrecerá a charla ‘La copia ¿burgalesa? del Poema de Fernán González: incógnitas y malinterpretaciones de un manuscrito del siglo XV’. A tamén profesora titular de Lingua Española na USC Mercedes Suárez Fernández, pechará a sesión cunhas verbas de agradecemento ao docente homenaxeado.
Traxectoria de Carlos Folgar
Carlos Folgar Fariña foi profesor de Lingua española na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo desde a súa posta en marcha en 1994. Antes xa exercera a súa actividade como docente na Facultade de Filoloxía de Santiago. Logo dunha traxectoria de máis de trinta anos sempre guiada polo espírito da constancia, o rigor e a procura da excelencia en todas as súas dimensións, o nome de Carlos Folgar Fariña figura por dereito propio no libro de ouro da lingüística histórica do español, manteñen os seus colegas na Facultade de Humanidades.
As súas contribucións sobre a sintaxe do castelán medieval, sobre cuestións fónicas deste mesmo período, como a chamada apócope extrema, ou sobre a lingua do Quixote, así como o estudo de aspectos do compoñente léxico na historia da lingua española, configuraron un currículo investigador no que Carlos Folgar é nome de referencia e no que cómpre salientar os volumes ‘Diacronía de los objetos directo e indirecto’ (del latín al castellano medieval) (1993) e ‘Lecciones sobre la lengua del Quijote’ (2005, en colaboración con A. M. Turrión de Castro), entre moitas outras publicacións en forma de artigos ou contribucións a congresos.
A USC recoñece tamén a Folgar Fariña como un dos promotores da revista Moenia, que nos ámbitos da Filoloxía e a Lingüística, puxo o nome do Campus de Lugo no universo da investigación internacional.