Skip to main content

Humanidades “exhuma, recompila e cataloga” a obra dispersa en revistas culturais da ribadense Luz Pozo Garza

Cristina Negreira Barcia, na presentación da súa tese de doutoramento en Humanidades
Cristina Negreira Barcia, na presentación da súa tese de doutoramento en Humanidades
A investigación de doutoramento desenvolvida por Cristina Negreira Barcia baixo a dirección de Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, abrangue as creacións “non reunidas” da artista ribadense ao tempo que aborda a súa faceta como directora das cabeceiras culturais ‘Nordés’ e ‘Clave Orión’
Lugo

A investigadora na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da USC Cristina Negreira Barcia “exhuma, recompila e cataloga” a obra dispersa da artista ribadense Luz Pozo Garza na tese de doutoramento ‘Luz Pozo Garza: obra non reunida e dispersa nas revistas culturais. Exhumación, recompilación e catalogación’, unha investigación desenvolvida baixo a dirección dos profesores da USC Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, que son especialistas na poeta, ao abeiro do programa de doutoramento en Estudos Culturais: Memoria, Identidade, Territorio e Linguaxe.

A investigación presentada este luns por Negreira Barcia na sede universitaria luguesa afonda no estudo da figura e sobre todo na creación cultural desenvolvida por Luz Pozo Garza, coñecida fundamentalmente polos seus textos poéticos, ao longo de sete décadas. Este estudo pon o foco na actividade pozogarciana estendida alén da publicada en libros, pero que acadou unha importante presenza en diferentes revistas culturais.

Daquela,Cristina Negreira Barcia analiza, estuda e cataloga ao longo de máis de 600 páxinas,  a obra dispersa e non reunida de Pozo Garza en revistas culturais. Trátase dunha obra multidisciplinar que, segundo subliña a autora, irradia máis alá do xénero lírico, abranguendo ensaios, textos híbridos e mesmo ilustracións. Amais, este traballo non se limita ao labor creativo de Pozo Garza, senón que tamén abrangue a dimensión desta artista galega como directora das cabeceiras culturais ‘Nordés’ e ‘Clave Orión’.

Tribunal de tese e cualificación

A escritora e catedrática de Lingua e Literatura Galega da Universidade de Vigo Camiño Noia presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Cristina Negreira e que mereceu a máxima cualificación de sobresaínte cum laude. A filóloga e profesora de Teoría da Literatura e Literatura Comparada na Universidade da Coruña Olivia Rodríguez González, quen tamén é ensaísta e académica correspondente da Real Academia Galega, e o profesor da USC Armando Requeixo Cuba, que actuou como secretario, completaron o comité avaliador.

Luz Pozo Garza e Carmen Blanco, nunha imaxe de arquivo
Luz Pozo Garza e Carmen Blanco, nunha imaxe de arquivo
Luz Pozo Garza, cun ramo de flores, xunto con Claudio Rodríguez Fer e alumnado de Humanidades, nunha imaxe de arquivo
Luz Pozo Garza, cun ramo de flores, xunto con Claudio Rodríguez Fer e alumnado de Humanidades, nunha imaxe de arquivo
The contents of this page were updated on 02.27.2023.