Humanidades “exhuma, recompila e cataloga” a obra dispersa en revistas culturais da ribadense Luz Pozo Garza
A investigadora na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da USC Cristina Negreira Barcia “exhuma, recompila e cataloga” a obra dispersa da artista ribadense Luz Pozo Garza na tese de doutoramento ‘Luz Pozo Garza: obra non reunida e dispersa nas revistas culturais. Exhumación, recompilación e catalogación’, unha investigación desenvolvida baixo a dirección dos profesores da USC Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, que son especialistas na poeta, ao abeiro do programa de doutoramento en Estudos Culturais: Memoria, Identidade, Territorio e Linguaxe.
A investigación presentada este luns por Negreira Barcia na sede universitaria luguesa afonda no estudo da figura e sobre todo na creación cultural desenvolvida por Luz Pozo Garza, coñecida fundamentalmente polos seus textos poéticos, ao longo de sete décadas. Este estudo pon o foco na actividade pozogarciana estendida alén da publicada en libros, pero que acadou unha importante presenza en diferentes revistas culturais.
Daquela,Cristina Negreira Barcia analiza, estuda e cataloga ao longo de máis de 600 páxinas, a obra dispersa e non reunida de Pozo Garza en revistas culturais. Trátase dunha obra multidisciplinar que, segundo subliña a autora, irradia máis alá do xénero lírico, abranguendo ensaios, textos híbridos e mesmo ilustracións. Amais, este traballo non se limita ao labor creativo de Pozo Garza, senón que tamén abrangue a dimensión desta artista galega como directora das cabeceiras culturais ‘Nordés’ e ‘Clave Orión’.
Tribunal de tese e cualificación
A escritora e catedrática de Lingua e Literatura Galega da Universidade de Vigo Camiño Noia presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Cristina Negreira e que mereceu a máxima cualificación de sobresaínte cum laude. A filóloga e profesora de Teoría da Literatura e Literatura Comparada na Universidade da Coruña Olivia Rodríguez González, quen tamén é ensaísta e académica correspondente da Real Academia Galega, e o profesor da USC Armando Requeixo Cuba, que actuou como secretario, completaron o comité avaliador.