O Campus Terra colabora nas tarefas de vixilancia de resistencias a antibióticos en cunicultura no marco do PRAN
Investigadores do Laboratorio de Referencia ‘E.coli’ da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC coordinados pola profesora do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía Azucena Mora Gutiérrez, colaboran de xeito activo na vixilancia de resistencias a antibióticos no sector da cunicultura, no marco do proxecto e vixilancia de bacterias patóxenas clínicas incluído entre as actuacións estratéxicas contempladas no Plan Nacional fronte á Resistencia a Antibióticos (PRAN). Esta nova liña de actuación de vixilancia de resistencias en veterinaria redundará nunha mellora do seu control, ao tempo que servirá como ferramenta apropiada e de utilidade para que os facultativos veterinarios clínicos poidan prescribir antibióticos a partir da disposición previa de información epidemiolóxica agregada, sinala Mora Gutiérrez.
A tamén directora científica do Centro de Biomedicina e Veterinaria (Cebiovet) da Fundación Rof Codina explicou asemade que o novo compromiso contraído polo Laboratorio de Referencia ‘E. coli’ da USC coa Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS) implica que o citado grupo de investigación do Campus Terra desenvolverá ao longo do presente exercicio traballos relacionados con técnicas microbiolóxicas encamiñados á caracterización xenotípica e fenotípica de resistencias en cepas de Escherichia coli illadas en procesos entéricos en coellos. A información e os resultados das análises microbiolóxicas de illados de ‘E. coli’ incorporaranse logo ao mapa epidemiolóxico, ao tempo que se achegará un cumprido informe coas conclusións, relatou.
A encomenda realizada pola Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios ao Laboratorio de Referencia ‘E. coli’ da USC constata en certa medida a xa acreditada experiencia do LREC en ámbitos relacionados coa identificación e tipificación de cepas de ‘E. coli’ implicadas en procesos colibacilosis en animais de produción. Asemade, alén desta bagaxe científica xenérica, a profesora Azucena Mora tamén puxo en valor o traballo específico desenvolvido con coellos polo persoal do Laboratorio de Referencia de Escherichia coli no ámbito das resistencias, no marco do Grupo Operativo TIRAC (estratexias nutricionais destinadas a eliminar/reducir o uso terapéutico de antibióticos).
Este traballo específico en coellos, no que están implicados os doutores Vanesa García Menéndez e Isidro García Meniño, a bolseira de iniciación á investigación do Campus Terra da USC Sofía Travers Rama, e a investigadora en estadía Alba Martínez Laorden, da Universidade da Rioxa, segundo explicou a profesora Mora Gutiérrez, desenvolverase ao longo do presente exercicio 2023 nos laboratorios de que dispón o LREC na sede universitaria luguesa.