Ir o contido principal

O Campus Terra colabora nas tarefas de vixilancia de resistencias a antibióticos en cunicultura no marco do PRAN

De esquerda a dereita, Alba Martínez, Vanesa García, Azucena Mora e Sofía Travers, na Facultade de Veterinaria
De esquerda a dereita, Alba Martínez, Vanesa García, Azucena Mora e Sofía Travers, na Facultade de Veterinaria
Un grupo de investigadores do Laboratorio de Referencia ‘E. coli’ da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC, encabezados pola profesora Azucena Mora, desenvolverá para a Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios traballos de técnicas microbiolóxicas para a caracterización xenotípica e fenotípica de resistencias en cepas de ‘E. coli’ illadas en procesos entéricos en coellos
Lugo

Investigadores do Laboratorio de Referencia ‘E.coli’ da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC coordinados pola profesora do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía Azucena Mora Gutiérrez, colaboran de xeito activo na vixilancia de resistencias a antibióticos no sector da cunicultura, no marco do proxecto e vixilancia de bacterias patóxenas clínicas incluído entre as actuacións estratéxicas contempladas no Plan Nacional fronte á Resistencia a Antibióticos (PRAN). Esta nova liña de actuación de vixilancia de resistencias en veterinaria redundará nunha mellora do seu control, ao tempo que servirá como ferramenta apropiada e de utilidade para que os facultativos veterinarios clínicos poidan prescribir antibióticos a partir da disposición previa de información epidemiolóxica agregada, sinala Mora Gutiérrez.

A tamén directora científica do Centro de Biomedicina e Veterinaria (Cebiovet) da Fundación Rof Codina explicou asemade que o novo compromiso contraído polo Laboratorio de Referencia ‘E. coli’ da USC coa Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS) implica que o citado grupo de investigación do Campus Terra desenvolverá ao longo do presente exercicio traballos relacionados con técnicas microbiolóxicas encamiñados á caracterización xenotípica e fenotípica de resistencias en cepas de Escherichia coli illadas en procesos entéricos en coellos. A información e os resultados das análises microbiolóxicas de illados de ‘E. coli’ incorporaranse logo ao mapa epidemiolóxico, ao tempo que se achegará un cumprido informe coas conclusións, relatou.

A encomenda realizada pola Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios ao Laboratorio de Referencia ‘E. coli’ da USC constata en certa medida a xa acreditada experiencia do LREC en ámbitos relacionados coa identificación e tipificación de cepas de ‘E. coli’ implicadas en procesos colibacilosis en animais de produción. Asemade, alén desta bagaxe científica xenérica, a profesora Azucena Mora tamén puxo en valor o traballo específico desenvolvido con coellos polo persoal do Laboratorio de Referencia de Escherichia coli no ámbito das resistencias, no marco do Grupo Operativo TIRAC (estratexias nutricionais destinadas a eliminar/reducir o uso terapéutico de antibióticos).

Este traballo específico en coellos, no que están implicados os doutores Vanesa García Menéndez e Isidro García Meniño, a bolseira de iniciación á investigación do Campus Terra da USC Sofía Travers Rama, e a investigadora en estadía Alba Martínez Laorden, da Universidade da Rioxa, segundo explicou a profesora Mora Gutiérrez, desenvolverase ao longo do presente exercicio 2023 nos laboratorios de que dispón o LREC na sede universitaria luguesa.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.05.2023.