Skip to main content

Un proxecto profunda no templo románico de San Xiao de Moraime co apoio da Cátedra do Camiño

San Xiao de Moraime. FOTO: Concello de Muxía
San Xiao de Moraime. FOTO: Concello de Muxía
O desenvolvemento desta investigación é obxecto dunha peza audiovisual que xa pode verse na canle oficial de YouTube da USC
Santiago de Compostela

O profesor de Historia da Arte Medieval da Universidade de León, Javier Castiñeiras López, é o responsable do proxecto ‘Románico no final do Camiño: San Xiao de Moraime’ que aborda o estudo de San Xiao de Moraime (Muxía, A Coruña) a partir tanto da análise da súa arquitectura e dos seus programas visuais, como das coordenadas culturais nas que as obras foron desenvolvidas. Este é un dos proxectos financiados ao abeiro da Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións, froito da colaboración entre a USC e Turismo de Galicia, e cuxa execución acaba de ser obxecto dunha peza audiovisual que xa pode visualizarse na canle oficial de YouTube da USC. 

Románico ao final do camiño: San Xiao de Moraime

A investigación parte dun exhaustivo baleirado das fontes documentais que permita unha mellor comprensión do contexto político e cultural de Moraime en tempos románicos. Profúndase no rol que puideron xogar a monarquía e o arcebispado de Santiago de Compostela, grandes poderes da rexión no período e nexos naturais con outros axentes políticos hispanos e europeos. “Con este marco contextual de fondo, o estudo específico da arquitectura céntrase naqueles aspectos que, pola súa excepcionalidade, gardan pouca relación cos procedementos xerais da arte románica da Costa da Morte”, explica o investigador.

Pola súa banda, “a investigación no ámbito das imaxes focalízase nos portais esculpidos e nos posibles círculos de relación cos grandes centros que, dende Compostela aos distintos puntos da Europa románica, configuraron a renovatio visual do século XII”, engade. En suma, o espírito xeral deste proxecto consiste na revalorización dun centro románico que participa das principais dinámicas de ruptura da cultura artística do seu tempo.

The contents of this page were updated on 06.23.2023.