Un proxecto profunda no templo románico de San Xiao de Moraime co apoio da Cátedra do Camiño
O profesor de Historia da Arte Medieval da Universidade de León, Javier Castiñeiras López, é o responsable do proxecto ‘Románico no final do Camiño: San Xiao de Moraime’ que aborda o estudo de San Xiao de Moraime (Muxía, A Coruña) a partir tanto da análise da súa arquitectura e dos seus programas visuais, como das coordenadas culturais nas que as obras foron desenvolvidas. Este é un dos proxectos financiados ao abeiro da Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións, froito da colaboración entre a USC e Turismo de Galicia, e cuxa execución acaba de ser obxecto dunha peza audiovisual que xa pode visualizarse na canle oficial de YouTube da USC.
A investigación parte dun exhaustivo baleirado das fontes documentais que permita unha mellor comprensión do contexto político e cultural de Moraime en tempos románicos. Profúndase no rol que puideron xogar a monarquía e o arcebispado de Santiago de Compostela, grandes poderes da rexión no período e nexos naturais con outros axentes políticos hispanos e europeos. “Con este marco contextual de fondo, o estudo específico da arquitectura céntrase naqueles aspectos que, pola súa excepcionalidade, gardan pouca relación cos procedementos xerais da arte románica da Costa da Morte”, explica o investigador.
Pola súa banda, “a investigación no ámbito das imaxes focalízase nos portais esculpidos e nos posibles círculos de relación cos grandes centros que, dende Compostela aos distintos puntos da Europa románica, configuraron a renovatio visual do século XII”, engade. En suma, o espírito xeral deste proxecto consiste na revalorización dun centro románico que participa das principais dinámicas de ruptura da cultura artística do seu tempo.