A Sociedade Internacional de Automatización premia a excelencia de Isabel Vidal Tato como mentora
A profesora do departamento de Enxeñaría Química da USC na Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE), Isabel Vidal Tato, acaba de ser distinguida co ‘Excellence Award in Mentoring’ que outorga a ‘International Society of Automation’. Este é un premio ao labor de mentoría realizado coa International Society of Automation-Student Section University of Santiago de Compostela dende o ano 2009, un proxecto de fomento do liderado e das soft skills ou habilidades brandas que tamén abrangue a intensificación da formación en tecnoloxía para a automatización de procesos, e actividades women-in-STEM. Esta iniciativa baséase na convicción de que “as universidades deben ter un papel proactivo na futura promoción da carreira dos seus egresados”, explica a profesora Vidal Tato.
A iniciativa pola que a profesora da ETSE acaba de ser recoñecida fundaméntase no mantemento dunha actividade formativa extracurricular, específica e transversal, do alumnado, na que participan profesionais da industria ao máis alto nivel, tanto no rol de relatores, como de asistentes ás actividades formativas, e un extenso programa de encontros no que participan antigos estudantes deste centro da USC.
“O programa de mentorización da International Society of Automation Student-Section ofrece ese paracaídas para o lanzamento a unha carreira profesional nunha industria altamente automatizada e dixital na que o control e instrumentación serán o corazón do proceso porque diso dependerá a sustentabilidade, a eficiencia e a transición ecolóxica”, explica a docente premiada.
Historia
No ano 2009 propúxoselle á International Society of Automation a creación dunha nova Sección de Estudantes dentro da estrutura da Sección profesional. Este proxecto estaba patrocinado pola International Society of Automation-Sección Española. Despois de seguir un proceso duns dez meses de duración, a Sección de Estudantes foi considerada como Chartered Student Section en xuño de 2010, coa profesora Isabel Vidal Tato, líder do proceso de acreditación, como Advisor, recibindo en 2018 o Premio de Honra ao Profesional, outorgado pola Sección Española na Gala da Conferencia Anual.
O plan de actividades estrutúrase en tres liñas de acción: programa de liderado e soft skills, programa de actividades women-in-STEM, e o programa de formación extra-curricular específica sobre tecnoloxía para automatización de procesos industriais. “Mantívose a actividade formativa mesmo durante os momentos máis duros da pandemia e os resultados presentáronse na EMEA District Leaders Conference de Milán, en outubro de 2022”, explica a profesora Isabel Vidal Tato.