Ir o contido principal

A Sociedade Internacional de Automatización premia a excelencia de Isabel Vidal Tato como mentora

Isabel Vidal Tato acaba de ser premiada pola International Society of Automation
Isabel Vidal Tato acaba de ser premiada pola International Society of Automation
O galardón recoñece o programa que dende a ETSE se desenvolve para fomentar a actividade formativa extracurricular, específica e transversal, do alumnado, na que participan profesionais da industria, alén de antigos estudantes deste centro da USC
Santiago de Compostela

A profesora do departamento de Enxeñaría Química da USC na Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE), Isabel Vidal Tato, acaba de ser distinguida co ‘Excellence Award in Mentoring’ que outorga a ‘International Society of Automation’. Este é un premio ao labor de mentoría realizado coa International Society of Automation-Student Section University of Santiago de Compostela dende o ano 2009, un proxecto de fomento do liderado e das soft skills ou habilidades brandas que tamén abrangue a intensificación da formación en tecnoloxía para a automatización de procesos, e actividades women-in-STEM. Esta iniciativa baséase na convicción de que “as universidades deben ter un papel proactivo na futura promoción da carreira dos seus egresados”, explica a profesora Vidal Tato. 

A iniciativa pola que a profesora da ETSE acaba de ser recoñecida fundaméntase no mantemento dunha actividade formativa extracurricular, específica e transversal, do alumnado, na que participan profesionais da industria ao máis alto nivel, tanto no rol de relatores, como de asistentes ás actividades formativas, e un extenso programa de encontros no que participan antigos estudantes deste centro da USC.

“O programa de mentorización da International Society of Automation Student-Section ofrece ese paracaídas para o lanzamento a unha carreira profesional nunha industria altamente automatizada e dixital na que o control e instrumentación serán o corazón do proceso porque diso dependerá a sustentabilidade, a eficiencia e a transición ecolóxica”, explica a docente premiada.

Historia

No ano 2009 propúxoselle á International Society of Automation a creación dunha nova Sección de Estudantes dentro da estrutura da Sección profesional. Este proxecto estaba patrocinado pola International Society of Automation-Sección Española. Despois de seguir un proceso duns dez meses de duración, a Sección de Estudantes foi considerada como Chartered Student Section en xuño de 2010, coa profesora Isabel Vidal Tato, líder do proceso de acreditación, como Advisor, recibindo en 2018 o Premio de Honra ao Profesional, outorgado pola Sección Española na Gala da Conferencia Anual.

O plan de actividades estrutúrase en tres liñas de acción: programa de liderado e soft skills, programa de actividades women-in-STEM, e o programa de formación extra-curricular específica sobre tecnoloxía para automatización de procesos industriais. “Mantívose a actividade formativa mesmo durante os momentos máis duros da pandemia e os resultados presentáronse na EMEA District Leaders Conference de Milán, en outubro de 2022”, explica a profesora Isabel Vidal Tato. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.07.2023.