Skip to main content

Un proxecto de ApS da USC confronta as percepcións sobre xestión de residuos nos medios rural e urbano

Esta iniciativa de Aprendizaxe e Servizo desenvolvida dende a Facultade de Psicoloxía detecta diferenzas no interese e as actitudes cara á creación, aproveitamento e eliminación de desperdicios entre habitantes de diferentes contornas. FOTO: Canva
Esta iniciativa de Aprendizaxe e Servizo desenvolvida dende a Facultade de Psicoloxía detecta diferenzas no interese e as actitudes cara á creación, aproveitamento e eliminación de desperdicios entre habitantes de diferentes contornas. FOTO: Canva
Esta iniciativa de Aprendizaxe e Servizo desenvolvida dende a Facultade de Psicoloxía detecta diferenzas no interese e as actitudes fronte á creación, aproveitamento e eliminación de desperdicios entre habitantes de diferentes contornas
Santiago de Compostela

Estudantes e persoal docente da materia de Psicoloxía Social da USC desenvolveron un proxecto de Aprendizaxe e Servizo para analizar as percepcións e actitudes existentes cara á xestión de residuos en zonas rurais e urbanas co fin de detectar se existen diferenzas relevantes cara ao deseño de estratexias de sensibilización. 

A iniciativa, coordinada pola profesora investigadora do Grupo de Comportamento Social e Psicometría Aplicada do CRETUS, Cristina Gómez-Román, dende a Facultade de Psicoloxía da USC, aplica metodoloxías de innovación docente que procuran ofrecer ao estudantado a oportunidade de pór en práctica en situacións reais os coñecementos e habilidades adquiridas na aula e crear sinerxías e colaboracións con axentes sociais e entidades alleas á academia. 

Así, baixo o título ‘Psicoloxía social aplicada. O medio rural como alternativa sustentable’, o proxecto, que conta con financiamento da Axencia Galega de Medio Rural (AGADER),propúxose identificar e comparar os procesos psicosociais (percepcións e actitudes) da poboación rural e urbana nesta cuestión, detectar aqueles elementos contextuais que puidesen incidir neles e tamén os procesos cognitivos que determinaban a súa percepción desta problemática.

Con ese fin, as 21 alumnas participantes, supervisadas por Gómez Román e polo profesor Mauro Lucio Rodríguez Casal, desenvolveron unha metodoloxía que combinaba entrevistas a axentes políticos e sociais implicados na xestión de recursos, a compilación e análise da información publicada en medios e redes sociais sobre esta temática e, a partir desta información previa, unha enquisa para avaliar a percepción e actitudes da cidadanía arredor destas cuestións. 

Primeiros resultados

A partir das entrevistas realizadas a axentes implicados na xestión de residuos, identificados grazas á colaboración coa entidade Amigas da Terra, detectáronse cuestións chave na xeración de opinións sobre esta temática, como a notoria polarización de impresións respecto á urxencia de procurar solucións sostibles, o descoñecemento sobre a pegada ambiental e as consecuencias da acumulación de refugallos, ou a restrición das estratexias de sustentabilidade a procesos de reciclaxe, desconsiderando outras opcións como a reutilización de produtos ou as propostas de redución de desperdicios. O consumismo, a proliferación de mercancías ‘de usar e tirar’ e a procura de beneficios estritamente económicos por parte das empresas produtoras foron outros elementos identificados como centrais na súa abordaxe.;

O estudo da información achegada a través de medios de comunicación e redes sociais revelou un marcado desinterese por esta cuestión, con aproximacións superficiais que, segundo as implicadas no proxecto, non afondan en solucións e accións concretas para atallar o problema. Así, o equipo responsable da iniciativa, identificou na escasa accesibilidade á información un factor limitador para que a poboación adquira coñecementos sobre a correcta xestión dos residuos.

Na enquisa á cidadanía, na que participaron 394 persoas, observáronse importantes contrastes en canto á concienciación sobre a problemática dos residuos, os patróns de consumo e a xestión do lixo. A análise das respostas determina que, se ben as persoas residentes en zonas rurais parecen amosar menor conciencia sobre a magnitude desta problemática, --o que se atribúe, en parte, a un acceso máis limitado á información e ás campañas de sensibilización--, contan cun modelo máis eficiente de autoabastecemento e fan un mellor aproveitamento dos recursos dispoñibles. O estudo sostén que as economías familiares no medio rural tenden a ser máis sustentables, cunha menor xeración de residuos en comparación coas das áreas urbanas. Entre os motivos para esta diferenza, apúntase que a maior concentración de contedores e servizos de xestión de residuos nas cidades pode provocar unha desconexión entre a poboación e o impacto ambiental das súas actuacións, incrementando a xeración de residuos.

Ademais, os resultados acusan importantes diferenzas entre homes e mulleres nas actitudes ante o lixo, cun maior compromiso delas cara á redución da cantidade de residuos xerados e con máis accións individuais para un futuro sostible.

 

Vídeo explicativo do proxecto

A información como elemento chave

Nas súas conclusións, o proxecto de ApS destaca a necesidade de involucrar a cidadanía, medios de comunicación e axentes sociais e políticos na procura de solucións. Remarca a necesidade de desenvolver campañas educativas para concienciar a sociedade sobre a importancia de reducir, reutilizar e reciclar axeitadamente os residuos, que poñan en evidencia as consecuencias negativas do consumismo e da mala xestión do lixo. 
Ademais, recomenda implantar leis e normativas que promovan prácticas sostibles e responsables na produción e consumo de bens e na xestión de excedentes, adaptando as medidas ás características e necesidades específicas de cada comunidade. 

Finalmente, reporta evidencias dunha percepción positiva cara as actuacións que contribúen á redución de residuos, tanto na contorna rural como na urbana, o que indica unha base sólida para a implantación de cambios positivos. Neste senso, o proxecto avoga por procurar un cambio de mentalidade que permita abordar o aproveitamento de residuos como unha oportunidade en lugar dun problema. Promover a compostaxe, e a reutilización dos produtos e fomentar dinámicas de economía circular favorecerá, din dende o proxecto, que as comunidades reduzan a cantidade de residuos que xeran.

Sesión de presentación dos resultados do proxecto de ApS
Sesión de presentación dos resultados do proxecto de ApS
The contents of this page were updated on 09.01.2023.